Sermos Galiza

A Galiza: celta ou castrexa?

castro de Santa María, Cervantes
A raíz da serie Os Castros, estreada recentemente na TVG, reabriuse o debate sobre as orixes celtas da Galiza. A controversia sobre se se debe atribuír a esa cultura a totalidade das nosas raíces ou non, iniciada no século XIX, segue a día de hoxe presente e é vivida con moita intensidade entre as persoas defensoras de ambas as dúas posturas. Se unha mantén que a identidade celta existe e relaciona o pobo galego con outros da Europa atlántica, outras prefiren falar de cultura castrexa e argumentan que non hai probas que demostren a chegada deste pobo ao Noroeste peninsular. Adiantamos parte da reportaxe que este sábado se publica no semanario Sermos Galiza. 

Nos últimos tempos estase a reabrir un vello debate en relación a se as orixes da Galiza son celtas ou se se deben denominar castrexas. Hai quen defende que o galego é celta polas súas similitudes con outros pobos atlánticos como Irlanda, Escocia ou Gales; ou, pola contra, quen mantén que a Galiza é herdeira dunha cultura castrexa posto que, durante unha época longa da súa historia, se habitaba en castros. Ao longo dos anos, ambas as dúas posturas estiveron confrontadas e aínda a día de hoxe a discusión segue aberta. Desde logo é un tema que crea moita paixón naqueles que se dedican á súa investigación, polo que resulta complicado decidirse de maneira categórica por unha das dúas opcións.

O debate

Este debate móvese nunha dupla vertente histórica e ideolóxica. A historiografía moderna entende que non toda a cultura castrexa é celta, pois as raíces da Galiza confórmanse por unha gran diversidade de pobos. Por este motivo, a inmensa maioría dos arqueólogos actuais defenden que a denominación de pobo castrexo é máis correcta á hora de falar da nosa historia pasada. Con todo, ambos os dous conceptos non son excluíntes, pois a cultura celta non deixa de ser castrexa. A cuestión ideolóxica entra en xogo cando se defende a orixe celta como factor diferenciador dos galegos a respecto doutros pobos do conxunto peninsular. E ao mesmo tempo presentaría unhas importantes semellanzas con países como Irlanda, Escocia ou Gales. Esas similitudes atoparíanse na lingua, na relixión, nas formas de organizar a sociedade, etc.

O debate nace da necesidade de entender se o compoñente celta é realmente determinante á hora de falar do pobo galego ou se resulta máis adecuado referírmonos a este como unha cultura castrexa. A principal causa da existencia do debate baséase na ausencia de probas suficientes para demostrar a presenza dos celtas na Galiza. É entón o celtismo un mito? Moitos entendidos do tema aseguran que o celtismo é un feito incuestionábel e que se debe ter en conta á hora de comprender a nosa cultura; outros, que o celtismo é un falso argumento para defender a nosa identidade ou unha simple moda que nos sitúa na atractiva órbita dos pobos atlánticos.

Contexto

Para entendermos as posturas do debate, cómpre coñecer as características de ambas as culturas. Por unha parte, denominamos celtas a un conxunto de pobos indoeuropeos procedentes de Centroeuropa que teñen como elemento esencial de identificación o uso de linguas celtas mais que presentan importantes semellanzas culturais entre si. Para estudar esta cultura, a principal fonte de coñecemento son as estruturas arqueolóxicas que achegan información material, como poden ser os castros da Idade do Ferro, tan relevantes na Galiza. Mais tamén existen fontes clásicas nas que se fala desta civilización, como A guerra das Galias de Xulio César, na que se explican as súas características sociais e culturais. Actualmente, algunhas nacións europeos como Irlanda, Gales, Escocia, Cornualles ou Bretaña, conservan as súas linguas celtas orixinarias e, con excepción do bretón, todas presentan un estatuto de idioma oficial. A lingua da Galiza, a pesar de ser de orixe latina, contén algúns elementos celtas.

A cultura castrexa é aquela que se caracteriza pola presenza dos castros, de aí o seu nome. A súa cronoloxía resulta algo confusa pero podería dicirse que comprende desde o século VIII a.C. até os primeiros séculos da nosa era posteriores á invasión romana. Isto inclúe a Idade do Ferro que foi a época máis relevante no que ao Noroeste peninsular se refire.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 21 de novembro. Á venda nos quiosques. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes facerte asinante nesta ligazón]