'Galiza sen carbón' sinala a "desvergoña climática de Núñez Feixoo"

Central térmica de Meirama, nas Encrobas (Foto: Nós Diario).
A plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón' aclara que as emisións das centrais de carbón galegas baixaron de 10,1 a 2,5 millóns de toneladas entre 2018 e 2019 malia a Estratexia de Cambio Climático da Xunta.

A caída da produción eléctrica das centrais de carbón é a causa do descenso das emisións galegas de gases de efecto invernadoiro (GEI) nun 24,5% entre 2018 e 2019, explica nun comunicado a plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón', "e non a aplicación da estratexia climática da Xunta, como se gabou Alberto Núñez Feixoo" esta cuarta feira, 12 de maio, despois do Consello da Xunta. 

Segundo os datos oficiais, sinala, as emisións de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro da Galiza baixaron de 29,7 a 22,4 millóns de toneladas entre 2018 e 2019. Un descenso relacionado coa queda da prodgución eléctrica con carbón provocada pola suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións. Por iso, as emisións das centrais de carbón galegas baixaron de 10,1 a 2,5 millóns de toneladas entre 2018 e 2019, engaden, ademias de afirmar que o carbón é o combustíbel fósil máis intensivo en emisións de CO2.

"A Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 da Xunta nada ten que ver coa histórica diminución das emisións territoriais de CO2 de Galicia durante 2019. De feito, se excluímos as emisións das centrais de carbón, as emisións galegas de GEI non só non baixaron senón que mesmo medraron", pasando de 19,6 millóns de toneladas en 2018 a 19,9 en 2019.

Críticas

un descaro atribuír ás políticas autonómicas 'unha aceleración da redución das emisións' causada en realidade por un feito que nada ten que ver con elas. Máis aínda, a Xunta de Galicia, con Núñez Feixoo á cabeza, ten combatido con todas as súas forzas, como é público e notorio, o colapso do carbón na produción eléctrica galega e o feche das centrais de Meirama -efectivo en xullo de 2020- e das Pontes -xa confirmado para os próximos meses". 

Desde a plataforma fan fincapé, tamén, na "estupefacción" que provoca "que Núñez Feixoo critique a insuficiente meta estatal de redución das emisións de GEI para 2030, de tan só 23% a respecto de 1990 cando a meta da sús estratexia apenas a supera (-24,6%) e, ademais, o esforzo que debe facer Galiza para alcanzala é bastante menor, pola súa mellor situación de partida". De feito, aclaran, en 2019 as emisións galegas foron un 23,9% inferiores ás de 1990. 

"Desde 'Galiza, un futuro de carbón' entendemos que o recorte das emisións debería atinxir polo menos o 65% xa en 2030, en relación a 1990". Unha proba da enorme falta de ambición climática da Xunta, expoñen, é que no tocante á redución das emisións das centrais térmicas (de carbón e gas fósil), o obxectivo da estratexia galega de cambio climático para 2030 (-54,3%) xa foi amplamente superado en 2020 (-82,7%).