Intensa caída das emisións de CO2 na Galiza en 2019

A plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón' cre que "demostra que o peche das xa innecesarias centrais de carbón é, de lonxe, a mellor medida para reducirmos as emisións de gases de efecto invernadoiro".

hdr
photo_camera Endesa comprometeuse a fechar a central térmica das Pontes no segundo semestre de 2021 (Nós Diario)

As emisións de dióxido de carbono das centrais de carbón situadas na Galiza caeron 75,2% en 2019 con respecto ao ano anterior. Isto significa unha baixada de 10,1 a 2,5 millóns de toneladas, segundo informou nun comunicado enviado aos medios a plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón'.

Estes datos fan que as emisións territoriais do país se situasen no nivel máis baixo desde, polo menos, 1990, "unha caída sen precedentes". Nomeadamente, a central das Pontes (Endesa) emitiu en 2019 2,3 millóns de toneladas fronte aos 7,9 millóns de 2018. E a de Meirama (Naturgy) 0,2, en 2019, por 2,2 millóns en 2018.

"Demostra que o peche das xa innecesarias centrais de carbón é, de lonxe, a mellor medida ao noso alcance hoxe para reducirmos drasticamente as emisións galegas de gases de efecto invernadoiro", consideran desde 'Galiza, un futuro sen carbón'.

A caída das emisións de CO2, segundo a plataforma, foi motivada pola diminución nun 71,6% da produción eléctrica con carbón. "A suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións restou competitividade ao carbón fronte aos ciclos combinados a gas natural, menos intensivos en emisións de CO2", apuntan.

Ciclo combinado, non renovábeis

Porén, a caída na produción das centrais de carbón en 2019 "non foi compensada pola produción de máis electricidade renovábel", senón polo descenso no consumo e na exportación neta de electricidade e polo aumento da actividade das centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón (Naturgy) e das Pontes.

A diminución das emisións de CO2 das térmicas de carbón na Galiza foi paralela á rexistrada en toda a UE, aínda que superior tanto á media europea (-24,3%) como á estatal (-59,4%). Situación que contrasta ─ou que se explica─ coa elevada achega por habitante galego nos últimos anos.

Desde 'Galiza, un futuro sen carbón' din que a Xunta "teima en minusvalorar a emerxencia climática e en defender o carbón". Por iso, sinalan, "a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE) carece de ambición", argumentando que en 2019 ficou "amplamente superado" o seu obxectivo de recorte das emisións das centrais térmicas ─as de ciclo combinado e as de carbón─ para 2030, fixado en 54,3% a respecto de 1990. En 2019, a redución xa atinxiu o 72,2%.

Feche das Pontes

Ademais, a plataforma salienta que malia a baixada da súa actividade, a central das Pontes "volveu ser, con diferenza, a industria que máis contribúe á crise climática desde a nosa terra".

Neste sentido, critican que malia que Endesa manifestou a súa intención de pechar a fábrica no segundo semestre de 2021, "a Xunta, o Goberno estatal e o Parlamento galego presionan para que alongue máis a súa vida mediante a co-combustión de carbón e residuos orgánicos ao 50%".

Comentarios