"Galiza vai pagar o pato das emisións no Estado", di Feixoo

O Consello de Goberno da Xunta da Galiza desta cuarta feira fixo balance das medidas contra o cambio climático. Tamén aprobou unha oferta de emprego público no eido do ensino que non será efectiva até 2022, cando se examinen de modo conxunto as persoas aspirantes da convocatoria de 2021 e 2022.

Alberto Núñez Feixoo onte despois da reunión do Consello de Goberno da Xunta. (Foto: Ana Varela)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo despois da reunión do Consello de Goberno da Xunta. (Foto: Ana Varela)

“Se o que pretende o Goberno [do Estado] é fechar as industrias galegas para intentar disimular as emisións de CO2 doutras comunidades que non fechan as súas industrias, non o imos aceptar”, advertiu despois do Consello de Goberno de hoxe Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza.

Na xuntanza do Executivo aprobouse o balance da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, impulsada en 2019 para “preservar o carácter verde desta Galiza”, sinalou Feixoo, e buscar a neutralidade climática antes de 2050, reducindo emisións, cun novo modelo enerxético baseado nas enerxías limpas e mellorando a eficiencia enerxética xeral.

No informe sobre a evolución desta estratexia, Feixoo destacou que desde os anos 90 a Galiza reduciu as súas emisións de gases de efecto invernadoiro un 23,8%, unha cifra que se incrementará co fechamento das centrais de Meirama (Cerceda) e As Pontes indicou, nese tempo, as emisións do Estado aumentaron un 8,5%.

Diante destes datos e da previsíbel aprobación a nivel estatal da Lei de cambio climático proposta polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que dirixe Teresa Ribera, Feixoo avisou de que a “Galiza vai pagar o pato do aumento de emisións de CO2 do Estado cando é dos territorios que máis reduce as súas emisións”.

No balance feito polo Goberno sinálase que até o de agora se investiron 317 millóns de euros dos 1.280 millóns que estima o plan até 2023, das 171 medidas que contempla, Feixoo afirmou que catro están feitas, 114 atópanse en proceso de elaboración, e 53 están aínda en fase de estudo.

A meirande parte destes cartos foron dedicados a mitigar as emisións aumentando a eficiencia, entre estas medidas Feixoo destacou que as persoas adultas poidan viaxar en autobuses escolares, proba de mobilidade sustentábel

Oposicións no ensino

Na sesión, o Goberno tamén aprobou a oferta de emprego público no sector do ensino de 2021, na que se abrirán 1.604 prazas repartidas en todas as escalas con máis do 85% das prazas para novos ingresos.

Os exames para esta oferta de emprego público realizaranse en 2022, xunto coas persoas que participen na convocatoria do vindeiro ano, explicou Feixoo, dado que as probas para a convocatoria de 2020 comezan en xullo deste ano pola situación derivada da pandemia da Covid-19.

O reparto destas prazas segundo a especialidade negociarase coa mesa sectorial de ensino, incidiu Feixoo, que marcou como obxectivo que a interinidade no ensino público se reduza a un 5% das prazas.

Urbanismo

Outra das medidas anunciadas por Feixoo foi a creación da Xunta Consultiva de Territorio e Urbanismo, que substitúe o Comité Superior de Urbanismo, co obxectivo de axilizar os expedientes na materia.

Comentarios