Fitur

A Galiza amosa en Fitur un modelo turístico sostíbel e cheo de oportunidades

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira (terceiro pola esquerda) en Fitur (Foto: Deputación da Coruña).
Os proxectos de sustentabilidade turística, ‘Os Fogóns do Anllóns’ e ‘Fragas do Eume’, consolídanse na súa busca dun turismo máis comprometido co respecto polo territorio e o coidado do medio ambiente mentres miran cara á creación de emprego no rural e a promoción das profesións do sector primario.

Tras dous días de intensas presentacións levando os proxectos dos Plans de sustentabilidade turística en destino Os Fogóns do Anllóns e Fragas do Eume á Feira Internacional de Turismo en Madrid (Fitur), a Deputación da Coruña xa pode facer un balance.

Así, para o vicepresidente da institución provincial e responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira, o principal a destacar é “o orgullo que é que as Administracións locais, os Concellos, a Deputación e a Xunta teñamos a altura de miras suficiente para facer avanzar este tipo de proxectos que están tan ancorados ao territorio, dándolle o protagonismo á poboación local, logrando niveis de implicación altísimos e chegando ao seu punto final con datos moi bos”. 

Un dos aspectos que máis se salientou nas presentacións foi precisamente a sustentabilidade, un concepto sen o que non sería posíbel pór enriba da mesa proxectos como estes. Por tal motivo, o vicepresidente sinala que o control é un dos grandes retos para o novo paradigma que comeza: “Nestes momentos temos unha capacidade moi ampla para medrar, especialmente nos novos territorios nos que se está a traballar, mais non podemos considerar que temos unha capacidade de crecemento infinita porque non é así”. 

Se ben ambos os proxectos non están situados “nun territorio ao que vaian chegar catro millóns de turistas, porque non temos capacidade de aloxamento nin de recepción”, Regueira é consciente de que “a Galiza en xeral, e a provincia da Coruña en particular, ten problemas de masificación en puntos moi concretos. Hai territorios que quedan baleiros e certos puntos que desafortunadamente xa teñen un pequeno problema turístico, e aí está o reto”.

Neste sentido, o vicepresidente fala de “saber que turismo imos demandar, saber a quen imos intentar convencer para que nos veña visitar e saber a onde queremos mandar esas persoas”. 

Mentres que ambas as iniciativas contan cos obxectivos primordiais de lograr un turismo máis sostíbel, Xosé Regueira tamén estabelece algunhas diferenzas: “O reto é controlar os fluxos, mais é certo que nos Fogóns do Anllóns sen dúbida temos moitísima capacidade para medrar e nas Fragas do Eume, aínda que existe esta capacidade nos cinco concellos que integran o proxecto, tamén temos o reto de controlar o turismo que entra ao parque”. 

Así, o vicepresidente mantén novamente o que xa defendeu durante as presentacións dos proxectos: “Buscamos un turismo amábel, no que a xente vai poder desfrutar dun territorio sen sentir que está nun destino masificado. É un perfil que cuantitativamente é moi pouco importante, aínda que cualitativamente si o sexa”. 

Sustentabilidade e oportunidades do territorio

Seguindo a liña de destacar a necesaria colaboración entre as diferentes institucións implicadas nos proxectos, o vicepresidente tamén quixo salientar as oportunidades que ofrecen os territorios aos que intentan dirixir estes fluxos turísticos: O turismo é esa parte administrativa onde, afortunadamente, hai un campo moi amplo de unanimidades. Iso dános a oportunidade de que a Galiza poida facer as cousas ben, que se busquen perfís turísticos un pouco diferentes: máis responsábeis, máis conscientes, que lles interese a autenticidade dos destinos e que adquiran un compromiso co que se van atopar”. 

As posibilidades mundiais da Galiza

Neste sentido, nun “novo paradigma mundial no que respecta ao turismo que está marcado pola Covid e pola crise do carburante”, Regueira apunta de novo cara ás posibilidades que a Galiza ofrece internacionalmente: “Hai que ser competitivos. Sempre digo que as galegas e os galegos facemos moita crítica cara a nós, mais penso que, comparativamente, somos un territorio magnífico cunha gran posibilidade de medrar sen que iso cree problemas”. 

Con todo, o vicepresidente tampouco esquece o obxectivo que subxace baixo estas chamadas turísticas: “Queremos asentar a poboación no rural, dar máis posibilidades de emprego neste medio e que a xente volva mirar o sector primario como unha área na que se pode traballar con moitísima dignidade creando beneficios. O turismo ten que servir para crear oportunidades sen danar o territorio, porque vai ser o mesmo territorio quen dea oportunidades á seguinte xeración”. 

Exemplo disto é a gastronomía: “En todas as feiras deste ámbito ás que imos, os nosos produtores teñen continuamente nos seus mostradores grandes chefs de todo o mundo, o que reflicte moi ben a potencialidade que ten o noso sabor de sempre, a agricultura e a gandaría tradicional que se conserva en gran medida na Galiza en xeral e na provincia da Coruña en concreto”. 

Próxima parada: Madrid Fusión

Seguindo a estela gastronómica dos seus proxectos, a próxima parada da Deputación terá lugar na segunda feira no Madrid Fusión xa que, como sinala Xosé Regueira, “este é un dos conceptos que máis interese suscitan a nivel turístico e que nos dan a oportunidade de traballar con toda a cadea, desde o sector produtivo ou transformativo até a restauración. Temos unha potencialidade enorme; contamos con moita xente nova e estamos mantendo a esencia da nosa cociña tradicional mentres chegamos a bocados propios da alta gastronomía.

Ademais, isto ten que ser un factor que chame a xente máis nova a investir e a buscar a súa vida no sector primario. Agora fálase moito de economía circular, un concepto novo que está de moda, mais que xa practicaban as nosas nais e pais, as nosas avoas e avós. Forma parte da nosa tradición e agora é o momento de aproveitalo”.