A Galiza acolle xa a case 2.000 persoas refuxiadas de Ucraína

Un grupo de persoas refuxiadas da Ucraína á súa chegada a Santiago de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Un total de 1.956 persoas refuxiadas solicitaron protección temporal nas comisarías da Policía do Estado español na Galiza desde o pasado 10 de marzo, segundo confirmou esta segunda feira a Delegación do Goberno de España na Galiza.

Un total de 1.956 persoas refuxiadas solicitaron protección temporal nas comisarías da Policía do Estado español na Galiza desde o pasado 10 de marzo, segundo confirmou esta segunda feira a Delegación do Goberno de España na Galiza.

A Delegación afirmou que nestas semanas o Ministerio do Interior redobrou esforzos e persoal para atender en tempo e forma ás solicitudes, así como os mecanismos de cita previa, co obxectivo de garantir un proceso "transparente e sinxelo" para estas persoas.

Ademais, no que respecta á atención social ao colectivo, destacou que o sistema de acollida na Galiza suma 3.171 prazas, entre os ofrecementos dos concellos -1.918 prazas-, a Xunta da Galiza -593 prazas- e as ONG Accem, Cruz Vermella, Movemento Pola Paz, Diaconía, Provivenda, Diversidade Acole e Ecos do Sur, que ofrecen 630 prazas en todo o país.

Nunha nota de prensa, o delegado do Goberno de España na Galiza, José Miñóns, valorou que grazas a esta colaboración pódense garantir os recursos necesarios para atender a estas persoas, "habitacionais, de traballo, legais, psicolóxicos e de idioma".

Nesta mesma liña, Miñóns subliñou a resposta solidaria e coordinada que ofrecen na Galiza as Administracións públicas e as entidades sociais na atención das persoas refuxiadas que fuxiron do conflito en Ucraína.

Reunión do Cotega

Precisamente, esta segunda feira o delegado do Goberno na Galiza presidiu a reunión do Comité Técnico da Galiza (Cotega) que coordina a resposta das institucións públicas e entidades sociais ás necesidades derivadas desta emerxencia.

No comité participaron tamén o director xeral de Emerxencias, Santiago Vilanova, o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rei, ademais de representantes de entidades sociais, forzas de seguridade e responsables de infraestruturas e sistemas de transporte público.

No que respecta a este reunión, a Delegación informou de que repasaron os protocolos de atención que se desenvolven nestes momentos no país, desde a chegada á Galiza até a tramitación dos permisos e a atención sanitaria e educativa das familias.