Galiza achégase ás 800 persoas falecidas polo coronavirus

Posto de AutoCovid no Gil Casares, en Compostela. (Foto: Europa Press)

O último parte de incidencias derivadas do virus feito público pola Consellaría de Sanidade indica que ao longo do día de hoxe rexistráronse catro novos falecementos. Todas as vítimas superaban os 80 anos.

Após o parte desta mañá, no que queda reflectido que a área de Ourense segue a ser a principal afectada pola pandemia no momento actual, a Consellaría de Sanidade tamén informou dos falecementos que se produciron ao longo do día de hoxe.

En total, houbo que lamentar outros catro pasamentos nun lapso de tempo de poucas horas. Onte xa perderan a vida pola Covid-19 outras oito persoas.

Así as cifras xa non andan lonxe das 800 vítimas. Aínda que si hai un marxe, tal e como está evolucionando a curva de contaxios non é descartábel que nas próximas semanas se rexistre algún pasamento máis. Polo de agora ascenden a 769.

Neste caso, fontes da Xunta explicaron que finaron dúas mulleres de 87 e 85 anos que permanecían ingresadas no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Unha das doentes procedía do centro residencial de maiores El Pinar, na comarca coruñesa.

Tampouco se puido facer nada por salvar a outra muller de 87 anos que era atendida no hospital de Santiago (CHUS). Tanto esta vítima como as dúas da Coruña tiñan patoloxías previas que empeoraron pola acción do virus.

Por último, morreu a causa da infección por esta enfermidade un home de 88 anos que estaba na Clínica Santa Teresa de Ourense.

Con esta última información, na 'nova normalidade' xa se contabilizaron 148 falecementos.