A Galiza abeira os 60.000 casos activos de Covid-19

Unha familia pasea polas rúas de Compostela nas festas. (Foto: Arxina)
O 26% das persoas ingresadas nos hospitais galegos ten Ómicron, revela o Servizo Galego de Saúde, que ao tempo informa de que a Galiza está a piques de superar os 60.000 casos activos.

Aumentan as infeccións de SARS-CoV-2 na Galiza, así como o número de hospitalizacións pola doenza, revela o informe desta quinta feira da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade.

Os datos recollidos entre as 18 horas da terza feira e a mesma hora da cuarta feira elevan o número de casos activos de coronavirus a 59.691, ao detectarse o contaxio de 4.869 persoas. Por 12º día consecutivo, cada xornada marca un novo récord de infeccións activas.

No que atinxe á presión hospitalaria, até 378 pacientes, 24 máis que no último reporte, están sendo tratados nos centros de saúde, 53 nas Unidades de Coidados Intensivos e 325 en unidades de hospitalización.

A taxa de positividade elévase até o 24,1%

Tamén se rexistrou un lixeiro aumento da taxa de positividade, que queda no 24,1% após a realización de 12.730 PCR. En todo caso, o indicador dá conta da expansión incontrolada da doenza, superando por moito a taxa de positividade do 5% que a Organización Mundial da Saúde determina para considerar controlada a pandemia.

Incremento no número de defuncións

A información brindada por Sanidade sinala que na última xornada até 14 persoas con Covid-19 perderon a vida, o que supón un aumento significativo con respecto aos datos ofrecidos nos últimos días, polo que desde o comezo da pandemia en marzo de 2020 a Galiza rexistrou 2.800 mortes.

A área sanitaria de Vigo mantense un día máis como a zona máis afectada pola enfermidade, con 13.276 casos activos, seguida pola de Compostela, con 11.090, e pola da Coruña, con 11.035. Na área sanitaria de Pontevedra foron detectados 7.354 casos, 7.164 na de Ourense, 5.971 na de Lugo e 3.801 na de Ferrol.

Ómicron presente no 26% das persoas ingresadas

O Servizo Galego de Saúde fixo público esta cuarta feira que despois de efectuar unha proba ás persoas que ingresan nos centros de saúde, o 26,08% teñen infeccións compatíbeis coa variante Ómicron.

Con respecto ás unidades de hospitalización, a porcentaxe é do 28,63% dos pacientes con coronavirus, unha cifra que diminúe até o 11’36% nas persoas ingresadas en Unidades de Coidados Intensivos.