Coronavirus Galiza: dúas de cada cen persoas están hoxe infectadas no país

Un cribado entre a mocidade de Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Os casos activos da Covid-19 achéganse aos 60.000, coa taxa de positividade en 24% e 378 persoas hospitalizadas.

Segundo o último informe publicado pola Consellaría de Sanidade, con datos consolidados ás 18 horas desta cuarta feira, na Galiza hai hoxe 59.691 casos activos da Covid-19 (3.235 máis que na xornada anterior), isto é, 2,2% da poboación total do país —dúas de cada cen persoas—.

Das infeccións actuais, 13.276 corresponden á área sanitaria de Vigo (+552). Séguena a área de Compostela-O Barbanza, con 11.090 (+523); A Coruña-Cee, con 11.035 (+662); Pontevedra-O Salnés, con 7.354 (+307); Ourense-Verín-O Barco, con 7.164 (+615); Lugo-A Mariña-Monforte, con 5.971 (+422), e Ferrol, con 3.801 (+154).

No que atinxe á presión hospitalaria, soben os internamentos en planta a 325 (+27), ao tempo que descenden nas UCI a 53 (-3).

Perto de 5.000 novos contaxios

Alías, nas últimas 24 horas detectáronse no conxunto do país 4.869 novos positivos (-96), cunha taxa de positividade que continúa en ascenso até situarse en 24,1%.

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade esta cuarta feira, a incidencia acumulada a 14 días sobe na Galiza a 2.308 casos por cada 100.000 habitantes.

Desde o inicio da pandemia, o país rexistra 270.368 contaxios, deles 58.126 na área da Coruña e Cee; 16.536 na de Ferrol; 27.983 na de Lugo; 34.544 na de Ourense; 32.488 na de Pontevedra; 40.800 na de Compostela e 59.891 na de Vigo.

Na xornada da cuarta feira, as autoridades sanitarias comunicaron a morte doutras 14 persoas diagnosticadas coa Covid-19, polo que a Galiza acumula xa un total de 2.800 mortes asociadas á pandemia.