O aumento exponencial de contaxios da Covid-19 que se está a vivir na Galiza provoca un aumento considerábel da demanda de tests de antíxenos, tendo en conta que a Xunta agora só realiza este tipo de probas a persoas con síntomas ou colectivos en situación de vulnerabilidade.
O prezo actual nas oficinas de farmacia galegas oscila entre os seis e os oito euros, malia que nalgunhas pode chegar até os doce. Nas últimas datas tense constatado un incremento da especulación a este respecto.
Alemaña
Alemaña ofrecía até mediados de outubro un test diario gratuíto para cada cidadán e cidadá, nos diferentes puntos habilitados. Agora teñen un prezo, mais moi inferior ao que se paga na Galiza: pódense adquirir en farmacias, tendas e supermercados desde 80 céntimos, e a unha media de entre dous e catro euros.
Aliás, nos centros de ensino realízase, cando menos, un test de balde por semana.
Portugal
No país veciño, os antíxenos están exentos de IVE, polo que o seu prezo é moi inferior ao da Galiza. Cada unidade ten un prezo de 2,1 euros. O paquete completo de autodiagnose véndese en supermercados e farmacias a un prezo de arredor de sete euros.
Reino Unido
No Reino Unido os tests de antíxenos son de balde, e calquera persoa pode solicitalos a través da web do Servizo Nacional de Saúde e recibilos na súa vivenda en menos de 24 horas. Tamén as escolas entregan probas ao estudantado.
Italia
En Italia, pola contra, a situación é semellante á da Galiza. Os antíxenos custan nas farmacias, por decreto, 15 euros para as persoas maiores de 18 anos, e oito para as menores de idade.
Francia
Tamén en Francia o custo destas probas de detección do coronavirus é elevado. Non están subvencionados polo Estado e o seu prezo nas farmacias oscila entre 25 e 30 euros.