Evitar o suicidio é posíbel: Galiza suma arredor de 300 mortes ao ano e urxe reverter o atraso en prevención

Acción do Movemento Galego da Saúde Mental polo Día Internacional da Prevención do Suicidio (Imaxe: MGSM).
Esta sexta feira, 10 de setembro, conmemórase o Día Mundial para a Prevención do Suicidio. O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) convoca un acto ás 20 horas na praza do Toural, en Compostela, para lembrar as persoas que falecen cada ano por dano autoinflixido, arredor de 300, e reivindicar o Plan Galego de Prevención do Suicidio.

O suicidio é un dos problemas máis graves de saúde pública e pódese previr. Entidades sociais concordan na necesidade dunha intervención urxente, dunha atención prioritaria, para frear as perto de 300 mortes anuais que se veñen rexistrando na Galiza nos últimos tempos por dano autoinflixido.

Segundo datos do Imelga, en 2020 faleceron 307 persoas, unha cifra que sitúa o suicidio como un problema sanitario e social de primeira orde. Máis aínda no contexto actual de pandemia, cunha crise sanitaria, económica e social que agrava o estigma e require maior prevención.

Máis cifras

No mundo suicídase unha persoa cada 40 segundos. En España é a principal causa externa de mortalidade. Na Galiza, a taxa de suicidios alcanza 13,11 por cada 100.000 habitantes, fronte a aos 7,79 do Estado ou os 11,93 de Europa.

Galiza, segundo territorio do Estado con maior taxa de suicidios e quinta en cifras absolutas

Galiza ocupa o segundo lugar en taxa de suicidios no conxunto do Estado só por detrás de Asturias, e o quinto posto en cifras absolutas, por detrás de Andalucía, Catalunya, Comunitat Valenciana e Madrid.

Se ben en 2020 houbo 11 suicidios menos na Galiza con respecto ao ano anterior, as cifras seguen a ser moi elevadas, denuncian, chegando a triplicar as mortes por accidente de tráfico, na contorna do centenar.

Prevención

Así, desde Saúde Mental FEAFES Galiza reivindican "unha abordaxe transversal do suicidio para mitigar os seus efectos, sendo preciso traballar na prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidados dos problemas de saúde mental, así como na visibilización desta realidade que está tan oculta na sociedade".

A prevención do suicidio segue sen ocupar un lugar prioritario nas políticas públicas

Previr os suicidios é posíbel, inciden. "Por iso é importante falar desta realidade, desterrar os falsos mitos que existen arredor dela e eliminar o tabú para que as persoas que se atopan en risco poidan buscar axuda".

A prevención do suicidio comprende unha serie de actividades que van dende a educación na infancia e na mocidade ata o tratamento eficaz dos trastornos mentais, pasando por un control ambiental dos factores de risco e unha difusión apropiada da información, aclaran, polo que chaman a un tratamento "responsábel" por parte dos medios de comunicación "para concienciar á poboación" e ao cumprimento eficaz por parte das institución públicas e dos Gobernos das estratexias desenvolvidas para tal fin.

Desleixo

Neste sentido, desde o Movemento Galego da Saúde Mental denuncian "o atraso, cando non desleixo, dos Gobernos" á hora de "implantar  de  forma  decidida  todas  as  estratexias  que  se coñecen eficaces para diminuír o número de mortes por suicidio e de tentativas autolíticas".

A ONU e a OMS fixan para 2030 reducir nun terzo a taxa de mortalidade por suicidio

Un ano máis o MGSM, sairá á rúa para "visibilizar a dura realidade que é o suicidio e sensibilizar a cidadanía sobre a necesidade urxente de tomar conciencia e actuar" en materia de prevención.

"A prevención do suicidio segue sen ocupar un lugar prioritario nas políticas públicas", a pesar do drama e do custo social que supón para moitas persoas.

"Non imos por bo camiño  para  conseguir a meta proposta pola ONU e a OMS para 2030, de reducir nun terzo a taxa de mortalidade por suicidio", recalca o colectivo, que volve poñer o foco no Goberno da Xunta.

Onde están os resultados?

A  constancia  de  tantas  persoas  que  se  achegaron  cada  día  a  apoiar  a  campaña Badaladas pola prevención do suicidio en 2016 conseguiu que o Executivo de Núñez Feixoo asumise "a súa responsabilidade". Un ano elaborou o Plan Galego de Prevención do Suicidio.

"O plan viu a luz hai xa catro anos e o único que temos son noticias moi esporádicas, case sempre anuncios e promesas futuras sobre o que se vai facer". Mais apenas se consolidou, denuncia o MSGM no seu manifesto deste 10 de setembro.

Cómpre un plan de benestar emocional para mitigar as repercusións da pandemia no alumnado

"Onde está a memoria anual de seguimento do plan? Cantas das 37 medidas previstas se levaron a cabo e cales son os resultados? Onde está a Comisión Interdepartamental de Coordinación para a prevención e atención das condutas suicidas, e cantas veces se reuniron  no  último  ano? Onde está o Observatorio Galego do Suicidio?"

Atención sanitaria e prevención no ensino

Son algunhas das preguntas que lanza a entidade, que esta tarde, ás 20 horas, volve convocar a cidadanía na praza do Toural de Compostela para recordar as vítimas do suicidio e exixir unha calidade asistencial que garanta o coidado da saúde mental en todas as áreas sanitarias mais en todos os ámbitos da saúde pública, primaria e hospitalaria, dirixida á poboación adulta mais á infantil e xuvenil.

Esta mesma exixencia trasládaa ao ámbito educativo, onde a prevención é determinante. Cómpre un "plan de benestar emocional" para mitigar as repercusións da pandemia no alumnado, advirte, con medios, tempo e profesionais especializados de apoio.