Galiza rexistra 233 novos positivos, 61 deles en Ourense e 54 en Vigo

Vista do Hospital de Ourense (Imaxe: Xunta da Galiza).

Os casos activos baixan a 4.569. Soben a 265 os pacientes con Covid ingresados, deles 42 en UCI.

Galiza rexistrou outros 233 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, deles 61 na área sanitaria de Ourense, 54 na de Vigo; 44 na da Coruña e 37 na de Santiago de Compostela. Soben a 265 os pacientes con Covid ingresados na Galiza, deles 42 en UCI.

Mentres, na área sanitaria de Lugo confirmáronse 16 positivos por PCR nas últimas 24 horas; outros 15 na de Pontevedra; e seis na de Ferrol.

Así consta na información actualizada na web da Consellería de Sanidade na mañá desta quinta feira con datos recollidos até as 18:00 horas de onte, na que se indica que os casos activos sitúanse na Galiza nos 4.569, o que supón 32 menos que na xornada anterior.

Por áreas sanitarias, os casos activos aumentaron nas da Coruña a 770 -cinco máis-; Vigo, que teñen 534 -22 máis-; Santiago, 639 -11 máis-; e Ferrol rexistra 148 -un máis-.

Mentres, descenden os casos activos nas áreas sanitarias de Ourense, que conta con 1.592 -13 menos-, Pontevedra contabiliza 419 -50 menos- e Lugo ten 467 -oito menos-.

En canto ás persoas curadas até a data ascenden a 22.550, o que supón 273 máis que as 22.277 contabilizadas até onte.

Pola súa banda, faleceron con coronavirus na Galiza 803 persoas até o momento, as últimas seis vítimas foron notificadas esta cuarta feira pola tarde, catro delas vinculadas con residencias de maiores.

En concreto, un home de 94 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) procedía da Residencia Vos Gozos de Pereiro de Aguiar e dous usuarios ingresados no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña: unha muller de 53 anos que procedía do centro Pai Menni de Betanzos e dun home de 78 anos usuario da Ballesol de Oleiros.

Pola súa banda, na residencia de maiores de Val de Monterrei rexistrouse a morte dunha muller de 88 anos. A eles súmase a morte dunha muller de 87 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); e doutra señora de 79 anos que faleceu no seu domicilio da área sanitaria de Vigo.