Galiza supera as 800 mortes por coronavirus

A comunidade sanitaria está en plena vacinación da gripe. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
As autoridades sanitarias notificaron hoxe un total de seis vítimas da pandemia. Varias desas persoas estaban relacionadas coas residencias de maiores onde seguen activos os grandes gromos de contaxios.

Ao tempo que aumentan as restricións para a mobilidade en distintos concellos e para as xuntanzas en toda Galiza, os contaxios e o efecto do coronavirus seguen a expandirse polo país. Tanto é así que a estas alturas de outubro xa se superaron as 800 vítimas galegas por mor da pandemia.

Esta cuarta feira a Dirección Xeral de Saúde Pública comunicou seis novos pasamentos, case todos de persoas maiores. Este sector da poboación é un dos que ten maior risco ao enfrontarse coa Covid-19, polo que a comunidade sanitaria está a esforzarse especialmente na campaña de vacinación da gripe deste ano, especialmente peculiar.

A prevención vai ser importante porque todas as vítimas tiñan patoloxías previas que non permitiron que superaran esta infección. Non transcendeu que foran gripes en ningún caso, pero as enfermidades previas de calquera tipo están a ter moita importancia na curación.

Ao sumar seis falecementos, desde o comezo da pandemia xa finaron 803 galegas e galegos. A cifra tamén é elevada nesta nova normalidade, na que a primeira vítima deuse o 7 de agosto.

A Consellaría de Sanidade explicou que as dúas últimas persoas que non superaron o virus foron unha muller de 89 anos que permanecía ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e outra de 79 que perdeu a vida no seu domicilio, situado na área sanitaria de Vigo.

Nos centros residenciais

Antes, no parte da mañá, xa falara de catro falecementos vinculados ás residencias. En concreto, finou un usuario de 94 anos da Residencia Os Gozos de Pereiro de Aguiar -a última na que se detectou un gran gromo, xunto con outra en Monterrei- que estaba a ser atendido no Hospital de Ourense.

Precisamente no centro Val de Monterrei morreu unha residente de 88 anos. Xa na área sanitaria da Coruña tiveron lugar os decesos dunha muller de 53 anos procedente do centro Pai Menni de Betanzos e dun residente de 78 anos da Ballesol de Oleiros. Ambos eran atendidos no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).