Feixoo descarta confinar Compostela, mais só polo momento

Feixoo na rolda de prensa de hoxe. (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta recoñeceu, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que hai que controlar as festas en pisos na cidade. Desde hai varias semanas, as forzas de seguridade están actuando para suspender estes eventos sen control e medidas de seguridade da comunidade universitaria.

O líder do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, recoñeceu ante os medios de comunicación que “a data de hoxe” a Consellaría de Sanidade non ten previsto confinar Compostela. Na súa opinión, a evolución epidemiolóxica negativa no municipio pode cambiar logrando “controlar os gromos en pisos universitarios”.

Porén, se a xente non toma conciencia da situación e respecta a prohibición de ter encontros de máis de dez persoas non convivintes, o comité clínico que asesora á Xunta podería pór sobre a mesa medidas máis restritivas na capital galega.

Por exemplo, Feixoo falou de reducir as reunións a cinco persoas e mesmo “intensifricar” doutra forma as actuacións. Se hai que dar o paso de limitar a mobilidade, así se fará.

“Anunciaríamolo con antelación”, comentou porque, após dos feches de Ourense e outros concellos máis pequenos, Compostela é o que máis preocupa. No entanto, o seu desexo é poder “manter a actividade económica” e que a solución chegue polo bo comportamento da cidadanía.

“O número de casos en Santiago nos últimos sete días é de 140 por 100.000 habitantes fronte aos 82 da media galega”, dixo, e engadiu: “E de 200 por cada 100.000 persoas nos últimos 14 días fronte aos 137 na Galiza”.

Co coñecemento desas estatísticas, Feixoo pediu ao alcalde do municipio, Xosé Sánchez Bugallo, que organice un dispositivo máis “activo” para intentar localizar as festas de estudantes en vivendas particulares e “actuar con contundencia”.

Igualmente falou á xente moza, recoñecendo que hai que encarecer a sanción porque agora lle sae barata. Pero a súa prioridade debe ser “preservar a saúde e a vida” dos pais e avós”. “É imprescindíbel recordalo”, resumiu.