Os galegos e galegas de máis de 60 anos recibirán a vacinación dobre gripe-covid desde o 16 de outubro

Vacinación dunha persoa na Galiza. (Foto: Xunta)

Primeiro inmunizaranse aos ao redor de 30.000 residentes en centros de maiores e de dependencia.

A Galiza principia o vindeiro 25 de setembro a inmunización contra a Covid e a gripe, unha campaña que se converteu xa en estacional e que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) pretende desenvolver en diante de forma conxunta. Primeiro inmunizaranse aos ao redor de 30.000 residentes en centros de maiores e de dependencia e, a partir do 16 de outubro, comezará a campaña para a poboación xeral diana.

Unha das principais novidades, ademais da administración da dobre inxección -que xa se ensaiou o ano pasado-, é que desaparece a recomendación de vacinarse contra a Covid a menores de 60 anos (agás casos de risco ou embarazadas e puerperio).

Isto é, tanto a gripe como a Covid pasan ser dúas doenzas cuxas doses de inmunización administraranse de forma conxunta e como recomendación aos maiores de 60 anos. Neste sentido, os responsábeis sanitarios públicos aspiran a repetir o fito de superar 75% da poboación diana inmunizada, como na campaña pasada que se alcanzou 76%.

Paralelamente á campaña dobre de gripe e covid, desenvolverase a propia da gripe, que tamén é estacional e que ten a súa poboación diana específica, en boa parte coincidente coa dobre inmunización. De feito, elimínase a enumeración das doses de recordo da Covid, debido a que agora pasa a ser estacional, e tamén deixa de ser unha campaña aberta todo o ano, xa que agora administrarase nestes períodos concretos.

Unha das principais novidades presentadas en rolda de prensa esta sexta feira polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a responsábel de Saúde Pública, Carmen Durán, é a inclusión da poboación fumadora como grupo recomendado para inxectarse a dose contra a gripe.

 

E de novo, repetirase a inmunización aos menores de entre 6 e 59 meses (por baixo de seis anos) contra a gripe, nunha campaña que tamén empezará a partir do 16 de outubro e que se desenvolverá nos centros de saúde para este colectivo.

A vacinación dos maiores de 60 anos contra a covid e a gripe desenvolverase en varios puntos: nos centros residenciais, nos domicilios, nos vehículos (persoas con dificultades de mobilidade pero que acoden ao centro de vacinación), en centros de vacinación masivos e en centros de saúde.

A campaña da gripe e Covid e da gripe desenvolverase ata o 31 de decembro e implantarase por fases en función da franxa de idade. O ritmo da campaña dobre, como indicou Comesaña, tamén dependerá da chegada da vacina contra a covid.

Onde?

Os servizos de atención primaria (os centros de cabeceira) administrarán a vacina fronte á gripe e a Covid ás persoas de máis de 80 anos, que serán citadas proactivamente mediante mensaxe de texto. Ademais, vacinaranse a domicilio ás persoas inmobilizadas que pertenzan ao grupo diana.

Pola súa parte, os hospitais públicos disporán de doses da covid-19 e a gripe para a vacinación dos grupos de alto risco. Ademais, habilitaranse grandes recintos, ao longo do mes de outubro, nas áreas sanitarias e distritos para a vacinación conxunta fronte á gripe e a covid-19 dos menores de 80 anos. Estas persoas tamén serán citadas por mensaxe de texto.