O futbolista Dani Alves volve declarar pola presunta agresión sexual a unha moza en Barcelona

O futbolista Dani Alves, na previa dun partido, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
A instrución constatou que na vaxina da denunciante había restos de ADN de Alves -o que é contraditorio coa última versión do ocorrido que deu o xogador- e, ao pedir sacalo de prisión, o seu defensa agarrouse á ausencia de lesións vaxinais para soster que non foi unha agresión sexual senón sexo consentido.

O futbolista Dani Alves volverá declarar esta segunda ante a xuíza que o investiga por presuntamente agredir sexualmente unha moza en Barcelona o 30 de decembro de 2022 na discoteca Sutton.

Esta declaración farase a porta fechada e a petición propia do xogador, que xa declarou perante a instrutora ao ser detido o 20 de xaneiro, cando a maxistrada o enviou a prisión provisional.

O seu avogado, Cristóbal Martell, tentou sacalo de prisión cun recurso que rexeitaron tanto o Xulgado de Instrución 15 como a Audiencia de Barcelona.

A instrución avanzou con probas forenses de pegadas e ADN, e tamén se interrogou a testemuñas como a curmá e unha amiga da denunciante, que esa noite estaban de festa con ela, e seis traballadores do local, entre eles o porteiro que atendeu a moza e varios camareiros.

Todas estas testemuñas ratificaron ante a xuíza o que xa declararan aos Mossos d'Esquadra antes de que Alves entrase en prisión provisional en xaneiro.

Defensa de Alves

En paralelo, a defensa de Alves esgrimiu no seu recurso co que tentou saír de prisión que as cámaras de Sutton "desmenten" a versión da denunciante, ao contrario do que considera a acusación.

O xogador nega que fechase a porta do lavabo onde ocorreu a agresión -que non ten cámaras no interior- e apóiase nas imaxes para afirmar que a moza entrou dous minutos despois que el, sen que "lle franquee o paso ou abra a porta".

A defensa de Alves sostivo, no recurso que non prosperou, que as imaxes "entran en conflito e contradición coa descrición que fai a denunciante", e pon en dúbida tamén a explicación da muller sobre o que ocorreu dentro do baño, que non está gravado.

Probas de ADN

A instrución constatou que na vaxina da denunciante había restos de ADN de Alves -o que é contraditorio coa última versión do ocorrido que deu o xogador- e, ao pedir sacalo de prisión, o seu defensa agarrouse á ausencia de lesións vaxinais para soster que non foi unha agresión sexual senón sexo consentido.

A propia defensa admitiu a "errática declaración" do xogador, que até o de agora deu distintas versións dos feitos e empezou negando que se atopou coa moza.

O avogado do xogador afirmou no recurso que a negación inicial de Alves "atopa natural e rudimentaria explicación na vontade de preservar a súa muller e fillos dunha conduta impropia de relación sexual".