Dani Alves seguirá en prisión preventiva e sen fianza

A Audiencia de Barcelona rexeita o recurso presentado pola defensa do futbolista.
O futbolista Dani Alves, na previa dun partido, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O futbolista Dani Alves, na previa dun partido, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

A Audiencia de Barcelona vén de acordar manter en prisión provisional e sen fianza o futbolista brasileiro Dani Alves mentres se investiga a causa contra el por presuntamente agredir sexualmente unha moza na discoteca Sutton de Barcelona. O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya informou de que os maxistrados da sección 3 rexeitaron o recurso que presentou o avogado de Alves, Cristóbal Martell, co que tentaba que o xogador quedase en liberdade provisoria até o xuízo.

Alves está en prisión provisional por esta causa desde o 20 de xaneiro, e coa resolución desta terza feira o tribunal confirma a decisión da xuíza instrutora que decretou a prisión provisional. Os maxistrados alegan que hai "indicios fundados" de criminalidade por parte do deportista que "son diversos e non parten só da declaración da vítima". Consideran tamén que o "risco de fuga" aumenta agora "exponencialmente" ante o coñecemento que ten da investigación e das probas que se presentaron contra el.

Cren que unha fianza non garantiría que non fuxa, aínda que fose unha cantidade elevada, tendo en conta o seu patrimonio, que cualifican de "avultado", e tampouco ven suficiente retirarlle o pasaporte e facelo comparecer periodicamente no xulgado: "Nada impediría o señor Alves saír de España por vía aérea, marítima ou mesmo terrestre sen documentación e chegar ao seu país de orixe e nacionalidade e manterse no Brasil sen ese pasaporte sabendo que non sería entregado a España", dado que non hai acordo de extradición entre os dous estados.

A respecto dos indicios contra o futbolistas, os xuíces apuntan que hai testemuñas do momento antes e despois de que entrasen ao baño onde a moza denunciou que ocorreu a agresión sexual, e no que estiveron uns 16 minutos. Sinalan que a instrutora tomou declaración á curmá e a amiga coas que ía a denunciante e a empregados da sala Sutton que estaban na zona VIP, e "todos eles corroboraron en maior ou menor medida a declaración" da vítima.

Tamén as mostras de ADN tomadas tanto no corpo da moza como no lavabo coinciden con Alves e apoian a versión da denunciante de que o futbolista a agrediu. Sobre Alves, lembran que deu tres versións distintas nunha mesma declaración xudicial e os xuíces non entran a valorar a "diverxente interpretación" que defensa e acusacións fan das imaxes das cámaras de seguridade, e consideran que o resto de indicios abondan para mantelo en prisión.

O tribunal estudou a súa decisión durante cinco días, desde que a pasada quinta feira escoitou os argumentos de defensa e acusacións nunha vista para abordar o recurso de Alves, e durante estes días os maxistrados revisaron as gravacións das cámaras de seguridade e as declaracións do futbolista, a denunciante e testemuñas do caso ante a xuíza instrutora.

No auto, os xuíces explican: "A pesar da presión mediática neste caso, a resolución do recurso debe ser serena e minuciosa tanto en beneficio do investigado —ao estar o mesmo privado de liberdade— como en atención á denunciante".

Cualifican tamén de "maximalistas" as posturas da defensa e da acusación particular. "Nin o señor Alves é obxecto dunha persecución mediática e xudicial que fundamenta a prisión provisional, nin o alzamento da devandita medida cautelar atacaría a dignidade da afirmada vítima", replican os maxistrados, e destacan a eficacia da investigación e o rápido que avanzou.

Comentarios