Furtan a faixa polo aborto que penduraba da fachada do Concello de San Sadurniño

[Imaxes: Concello de San Sadurniño]

Sen vincular o acontecido con ningún grupo porque aínda non se coñece a autoría, o goberno municipal deixou claro que "non imos dobregar perante discursos e accións integristas e reaccionarias". Xa teñen encarregada unha pancarta nova.


Descoñecid@s furtaron a pancarta en prol do aborto que penduraba da fachada do Concello de San Sadurniño. O goberno municipal quitou adiante en pleno unha moción a favor do dereito das mulleres a decidiren sobre os seus corpos e contra a reforma que cociña o ministro español de Xustiza.

O texto foi aprobado cos votos do BNG e do PSdG-PSOE, mais tamén cos do PP. Días despois, o consistorio uniuse ao ronsel encetado por outros gobernos locais coma o de Pontevedra ou o de Teo e pendurou a devandita faixa en que podía lerse o lema Polo dereito a decidir. Aborto libre e gratuíto.

Durou tres días

Dela só queda un bocadiño de tela lilá. Durou tres días, mais o Concello, que denunciou os feitos perante a Garda Civil, xa encargou outra nova.

"Non cremos que se trate dun acto vandálico espontáneo, senón que estamos convencidos de que se trata dunha acción premeditada que atenta contra un patrimonio público e, o que é máis importante, contra a vontade que o pobo de San Sadurniño delegou nos tres grupos políticos con representación municipal", sinalou o nacionalista Secundino García, rexedor da localidade, quen aproveitou para apuntar que a pancarta foi colocada após un acordo plenario "adoptado por unanimidade".

As campañas dos grupos antiabortistas chegan a San Sadurniño

"Non imos admitir que se queira calar á forza nin esta nin calquera outra mensaxe que a institución queira transmitir", anunciou García. O alcalde considerou que o acontecido "é máis propio dos tempos da Inquisición que do século XXI". E é que a campaña posta en marcha por grupos ultraconservadores e antiabortistas como Hazte Oír ou o Foro de la Familia afectou tamén o Concello de San Sadurniño. 

Malia non teren recibido ningunha solicitude oficial, á imprensa local si lles foi enviado un comunicado en que se esixía a retirada da faixa. Fronte a estas actitudes, o rexedor desta localidade fincada na comarca de Ferrolterra concluíu sinalando que "San Sadurniño non vai dobregar perante discursos e accións integristas e reaccionarias" polo que xa ten encarregada unha nova pancarta.