A Plataforma polo Aborto condena os ''ataques reaccionarios'' contra o Concello de Pontevedra

[Imaxe: Plataforma polo Aborto]

Rexeitan as accións dos grupos Hazte Oír, Foro de la Familia e Derecho a Vivir, que inzou a cidade do Lérez de valados polo "aborto cero".


A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto emitiu un comunicado de imprensa para condenar a campaña que o grupo ultraconservador Hazte Oír artellou contra o Concello de Pontevedra por ter pendurada do balcón da casa consistorial unha faixa a favor do dereito das mulleres a decidiren sobre as súa maternidade. "Queremos amosar o noso apoio, neste momento, ao concello, que está a ser criticado polos sectores máis reaccionarios por se posicionar en prol dos nosos dereitos", sinala a nota enviada aos medios.

Mais a plataforma non arremete só contra a campaña de Hazte Oír, que atascou a caixa do correo electrónico da alcaldía enviando mensaxes en que persoas que non moran nin en Pontevedra nin na Galiza se queixaban de estar a pagar "cos nosos impostos" a devandita pancarta. As organizacións pro-abortistas que se integran no colectivo rexeitan tamén o comunicado lanzado pola sucursal galega do Foro de la Familia en que tamén se posicionaba contra a decisión do goberno que lidera Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), así como contra os valados publicitarios con que Derecho a Vivir inzou a cidade do Lérez reclamando ao ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, unha lei "de aborto cero". Os mesmos valados xa foron saboteados noutros lugares do País.

"Esiximos que todos os actores sociais e o Estado español respecten a nosa autonomía sexual e reprodutiva e que se nos acheguen a información e os medios para a exercermos sen riscos", enfatiza a Plataforma, que reclama "acceso universal a métodos anticonceptivos modernos e seguros, incluíndo anticoncepción de emerxencia; educación sexual laica; acceso a abortos seguros, legais e na sanidade pública". Por derradeiro, esixen "as condicións sociais e estruturais adecuadas para vivir unha maternidade voluntaria, protexida e gozosa, de optarmos por ela".