O grupo ultracatólico Hazte Oír colapsa o correo-e do Concello de Pontevedra esixindo a retirada da pancarta polo aborto

[Imaxe: P.V.]

Súmanse ao Foro de la Familia e esixen a retirada da pancarta polo aborto. Nas mensaxes enviadas hai casos rechamantes coma o dun veciño de Córdoba que di que non quere que "os meus impostos" paguen esta acción en prol dos dereitos das mulleres. A meirande parte d@s que escribiron non residen nin na cidade do Lérez nin na Galiza.


Até 230 mensaxes. Son as que enviou o grupo ultracatólico Hazte Oír ao correo-e da alcaldía do Concello de Pontevedra para reclamaren a retirada da faixa que reclama o dereito das mulleres a decidiren sobre a súa maternidade.

Segundo explicou a concelleira de Benestar, Carmen Fouces, a caixa do correo ficou "colapsada" e, malia que na meirande parte dos casos os escritos se repiten e reproducen o mesmo texto, hai casos rechamantes de persoas que non residen nin na cidade do Lérez nin na Galiza. Tal é a situación dun veciño de Córdoba que rexeita a acción reivindicativa emprendida desde este concello porque non quere pagala "cos meus impostos". 

A petición enviada, que se pode asinar a través da páxina web do grupo ultraconservador, acusa o rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores, do Bloque Nacionalista Galego, de "abuso de poder en toda regra", de "converter a casa de todos nun taboleiro de anuncios para adoutrinar a cidadanía" e de utilizar a sede consistorial "con finalidade partidista".

Carmen Fouces lamentou este proceder de Hazte Oír porque impediu que os correos-e de interese se recibiran e sentenciou: "seguiremos a defender un aborto libre e gratuíto". Para alén do Concello de Pontevedra tamén o de Teo tivo unha faixa polo aborto pendurada na casa consistorial e nos últimos días sumáronse San Sadurniño, Poio e Póboa do Brollón.

Tamén o Foro de la Familia sente pruído pola pancarta que loce no edificio municipal pontevedrés. Nun comunicado pendurado na súa web, falan tamén de "abuso de poder", identifican as mulleres como "vítimas" da interrupción voluntaria da súa gravidez e aseguran que tal dereito a decidir só beneficia as clínicas abortivas "que agora ven perigar o negocio".