O furacán 'Danielle' chegaría á Galiza, aínda que convertido en borrasca, apuntan os meteorólogos

Imaxe de infravermellos do furacán 'Danielle'. (Foto: Weathernerds.org)
Os modelos meteorolóxicos dan entre 10% e 20% de probabilidades de a tormenta se achegue a menos de 120 quilómetros da costa galega.

O físico e meteorólogo da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) Juan Jesús González Alemán adiantou na mañá deste domingo que a probabilidade de que o furacán Danielle chegue á Galiza é cada vez o escenario máis probábel, aínda que xa convertido en borrasca.

“Agora os modelos comezan a confirmar que o escenario de achegamento á península convértese no máis probábel!”, indica González Alemán nun chío, para despois engadir que “existe baixa probabilidade de que teña un alto impacto”.

O National Hurricane Center (HNC) confirmou ás 4.36 horas que Danielle, que se convertera nunha depresión tropical durante a xornada do sábado, recuperou a categoría de furacán, após fortalecerse no medio do océano Atlántico, onde agora mesmo se atopa “serpeando”.

Pola súa parte, o European Centre for Medium-Range Weather Forecasts (ECMWF) “estima unha probabilidade entre 10% e 20% de que Danielle se aproxime a menos de 120 quilómetros á costa galega nos vindeiros 10 días”, subliñou o tamén meteorólogo de Aemet Ernesto Barrera.

Debilitación de Danielle

National Hurricane Center (HNC) informou no día de onte que Danielle volvía ser considerada unha tormenta tropical, no canto dun furacán, despois de que se rexistrase unha debilitación. Malia isto, o HNC matizaba que, tal e como xa sucedeu, volveríase fortalecer, recuperando a súa condición de furacán.

González Alemán, un dos máis reputados especialistas neste tipo de fenómenos, explicaba que, se ben a debilitación tivo lugar “por cuestións descoñecidas”, os servizos de control meteorolóxico sospeitan que o seu causante foi “un proceso físico relacionado coa súa interacción co océano”.

Barrera explicou na súa conta de Twitter que os fortes ventos da cicloxénese desprazaron a auga quente que había no centro de Danielle cara ao exterior da tormenta, deixando así as augas máis frías nese centro. Este fenómeno, coñecido como afloramento frío autoinducido, é o que estaría a provocar esta debilitación temporal da depresión tropical.

“Nas ultimas 12 horas, o furacán Danielle permaneceu practicamente estacionario cun sistema de altas presións limitando o seu avance”, detallou Barrera.