A Fundación Galiza Sempre renova o seu padroado

(Foto: Galiza Sempre)

Incorpora, entre outros integrantes, o escritor e ensaísta David Rodríguez,  Breixo Lousada responsábel de movementos sociais do BNG, Montse Prado deputada no Parlamento Galego e responsábel de formación ou Inácio Pavón representante da FGAMT-CIG

 

Galiza Sempre, a fundación do Bloque Nacionalista Galego reuniuse esta terza feira 28 en Santiago de Compostela para facer efectiva a renovación dos membros do padroado após a asemblea do BNG tal e como indican os estatutos da propia entidade.

Rubén Cela e Ana Miranda repiten como presidente e vicepresidenta respectivamente da Fundación Galiza Sempre, onde continúan como vogais o deputado do Parlamento Galego Luís Bará e Tania Ameneiro, profesora de intervención sociocomunitaria en FP.

A maiores incorpóranse oito nomes máis nos que se atopan Lois P. Castrillo responsábel de finanzas na executiva do BNG e novo tesoureiro da entidade, Breixo Lousada responsábel de movementos sociais do BNG, Lucía López da área de organización do BNG, Montse Prado deputada no Parlamento Galego e responsábel de formación, Inácio Pavón representante da FGAMT-CIG, David Rodríguez escritor e deseñador gráfico e Lucía Veciño, traballadora da FGS. Esta última foi designada como a nova secretaria da Fundación quen pasa a substituír a Bieito Lobeira que até o momento desempeñaba desta función.

Como membros consultivos do padroado continúan Xavier Campos, membro da área de comunicación do BNG e a economísta Maica Añón.

A composición do padroado fica aberta a posíbeis incorporacións que poidan facerse ao longo deste período. O padroado constitúe a equipa de traballo e o grupo de persoas que vai dirixir a entidade nos vindeiros dous anos co "obxectivo fundamental de servir como ferramenta de análise da realidade socioeconómica, política e cultural desde unha perspectiva nacionalista, difundindo a historia deste país e promovendo un espazo de intercambio de ideas".

Na xuntanza mantida na tarde desta terza feira o padroado fixo unha valoración das actividades realizadas ao longo do ano, na que se valorou de forma moi positiva actividades como o ciclo de conferencias Diálogos desde a Periferia, a colección de cadernos de análise Ideas Impresas ou as publicacións das grandes efemérides do nacionalismo galego.

Plan para 2022

Na mesma xuntanza aprobouse un ambicioso plan de traballo para o 2022 no que se marca a curto prazo o obxectivo de ser unha ferramenta de formación á disposición da propia militancia do BNG, poñendo en marcha unha escola de formación continua en colaboración coa organización política.

 Do mesmo modo aprobáronse dúas liñas de actuación prioritarias: Unha, dirixida á promoción do pensamento socioeconómico, político e cultural de Galiza, e outra adicada á preservación e difusión da memoria histórica da galiza e especificamente do nacionalismo galego.

Ademais, a Fundacion quere seguir ampliando as relacións internacionais con entidades homólogas á FGS no estado, en Europa, no ámbito da lusofonía e en América Latina, así como seguir participando activamente en espazos conxuntos como son o Forum Soberanista e a Fundación Coppieters.