A Fruga alerta que Altri representa “un perigo” para a actividade agropecuaria

Explotación láctea galega (Foto: Europa Press).

As catro comarcas afectadas polo proxecto contan con 4.087 explotacións pecuarias, o que ven supondo sobre 18,6% do total das existentes na Galiza.

O proxecto que a empresa Altri pretende instalar en Palas de Rei “supón un grande perigo para a actividade agropecuaria da zona, non soamente para a comarca da Ulloa, senón tamén para as comarcas de Arzúa, Terras de Melide, e o O Deza”.

Así o manifesta a Federación Rural Galega, que indica que nas catro comarcas afectadas contan con 4.087 explotacións pecuarias, o que ven supondo sobre 18,6% do total das existentes na Galiza (21.980), e unhas 90.187 cabezas de gando vacún “ou o que é o mesmo que aproximadamente o 21% da Galiza (430.232)”.

“Todo este potencial produtivo vaise ver ameazado no caso de que ao final se acabe instalándose esta macroplanta de celulosa no concello de Palas de Rei, así como a DO queixo Arzúa-Ulloa, con mais de 20 empresas transformadoras e a segunda en produción de queixo de todo o Estado español”, afirma.

Mas os efectos que tería esta instalación non soamente afectarían á zona directamente afectada, indica a Fruga no comunicado, senón que tería “graves efectos sobre todo o sector agropecuario galego. O motivo de tal repercusión ten a ver co efecto chamada para acrecentar a plantación de eucalipto en competencia coa terra agraria para actividades agropecuarias. Non debemos esquecer que a superficie agraria media por explotación na Galiza é de 7,93 ha, cando a media española é de 26,14 ha, e que desde hai xa bastantes anos Galiza ven perdendo terra agraria, mentres a superficie forestal vén aumentado e dentro dela a dedicada ao eucalipto”.

A Fruga indica que a Política Agraria Común (PAC) “parece apostar por un modelo de explotación agraria máis extensiva e respectuosa co medio ambiente, mesmo potenciando a agricultura ecolóxica, todo o contrario do que asemella apostar a política da Xunta da Galiza, pondo en risco o futuro das explotacións agrarias desta zona e de proxectos de agricultura ecolóxica implantados nela”.

A organización agraria critica que se presente este proxecto como “de economía circular” cando é, asevera, “economía de enclave. A verdadeira economía circular é aquela que pecha os ciclos produtivos".

"Debemos ter de conta, prosegue, que a Galiza é a primeira produtora de leite do Estado español e unha das dez mais produtoras da UE, mais a industria galega do leite soamente supón 10% da estatal. Deste modo sobre 45% do leite producido na Galiza sae para fóra para ser transformada noutros territorios”.