Sanidade pública

Fronte ao colapso sanitario, Rueda receita "sentidiño"

Concentración, esta quinta feira, ante o centro de saúde de Dodro (O Sar). [Foto: Nós Diario]
Veciñanza do Covelo, Dodro e Tomiño exixen máis persoal médico.

Os servizos de Urxencias dos hospitais galegos están "colapsados" e os centros de saúde das localidades co persoal "baixo mínimos". Así o denuncian nos últimos días as asociacións de persoas usuarias e as plataformas en defensa da sanidade pública. Neste contexto, a veciñanza da Galiza segue en pé con concentracións e manifestacións a diario

O presidente galego, Alfonso Rueda, recoñeceu esta mesma quinta feira que o sistema público de saúde está "nun momento complicado" e pediu que a veciñanza acuda a Urxencias con "sentidiño", unhas declaracións que contrastan cos datos publicados pola Dirección Xeral de Saúde Pública, que sinalan un aumento de 70% nos ingresos por gripe, con sete mortes na última semana.

O Covelo, Dodro e Tomiño

Se esta semana se mobilizaron na comarca do Condado, en Salvaterra de Miño e Mondariz, e na comarca da Fonsagrada cunha marcha até o Hospital Lucus Augusti de Lugo, esta quinta feira é a quenda de Dodro (O Sar), O Covelo (A Paradanta) e Tomiño (O Baixo Miño).

No primeiro caso, a veciñanza denuncia que a Consellaría de Sanidade "leva tempo sen cubrir a falta, por incapacidade temporal, dunha das dúas facultativas que prestan o servizo".

Na mesma liña, O Covelo acusa a falta de servizos pediátricos no ambulatorio da vila, obrigando as crianzas a ter que desprazarase até o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Concentración ante o centro de saúde de Tomiño (O Baixo Miño), esta quinta feira. (Foto: Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Tomiño)

No caso de Tomiño, a veciñanza protestou esta quinta diante do centro de saúde ante unha "situación caótica e intolerábel", pois "só traballan tres médicas de oito". Segundo denuncian desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Tomiño, o persoal médico ten as axendas "bloqueadas", polo que "non hai citas para o que fica de decembro nin para xaneiro do ano que vén".

Na sexta sumarase a estas convocatorias Soutomaior (comarca de Vigo), que leva máis dun ano sen pediatra. Tamén en Cangas, na parroquia do Hío, a veciñanza concentrarase o 19 de decembro para reclamar a reapertura do centro de saúde, que leva fechado desde marzo de 2020.