Sanidade

VÍDEO | "Un almacén de pacientes": así se viviu desde dentro o último colapso do CHUS

Colapso esta terza feira no CHUS (Foto: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS).
Desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS cualifican o acontecido de “grave” e aseguran que “os responsábeis do servizo e a xerencia seguen banalizando a situación e esquecen que nese corredor producíronse falecementos de persoas que deberon ser atendidas nos lugares destinado para iso”.

24 pacientes graves amontoados nos corredores agardando a ser atendidos e 47 ocupando os espazos de traballo co ingreso en planta asinado. Esta é a situación que se viviu esta terza feira no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS facilitou a Nós Diario unha gravación de vídeo en que se ve un gran número pacientes esperando por atención médica nos corredores do hospital.

Desde a asociación cualifican o acontecido de “grave” e aseguran que “os responsábeis do servizo e a xerencia seguen banalizando a situación e esquecen que nese corredor producíronse falecementos de persoas que deberon ser atendidas nos lugares destinado para iso”.

"Almacén de pacientes"

“O servizo de urxencias do CHUS está sendo utilizado como almacén de pacientes con incumprimento o estabelecido no artigo 52.3 da Lei de Saúde da Galiza que expresamente di que a atención de urxencia prestarase ao paciente nos casos en que a súa situación clínica obriga a unha atención sanitaria inmediata”, indican desde a asociación.

Para alén diso, aseveran que “segundo os datos publicados pola xerencia na súa páxina web nas últimas 24 horas foron atendidas 443 persoas, o que representa un nivel de demanda inferior aos soportados en días equivalentes do mes de decembro do ano 2022 onde os colapsos se deron con demandas de 521 pacientes”.

“O maltrato asistencial dos pacientes e a presión laboral que padecen os profesionais prodúcese no servizo de urxencias, pero a súa causa está nos despachos da xerencia que non poñen a súa disposición os medios materiais e humanos necesarios para que os que teñen o ingreso asinado pasen a planta deixando os espazos libres para que os graves en espera de atención non teñan que agardar nos corredores a ser atendidos”, conclúen.

O Sergas ve "dentro do habitual" as tensións en Urxencias

O director xeral de Asistencia Sanitaria da Consellaría de Sanidade, Jorge Aboal, enmarcou hoxe dentro do "habitual" de cada inverno as tensións en Urxencias, debido á gripe, e fixo un chamamento á poboación para vacinarse, sobre todo antes das reunións sociais típicas do Nadal. En declaracións aos medios, Aboal recoñeceu que o aumento un aumento da presión asistencial nas últimas semanas, pero explicou que cada área sanitaria e cada hospital ten os seus propios plans de continxencias, que permiten "dimensionar os recursos dependendo da intensidade da demanda que se produce a diario".

"Como todos os anos, é algo temporal. Hai que ir axustando os recursos á demanda. O que si que é certo é que, cando a demanda non é predicíbel e chega en picos, neses momentos pode producirse unha retardación das actuacións asistenciais", recoñeceu o director xeral. En calquera caso, apelou á calma, porque os sistemas de triaxes permiten que cada paciente que acode a Urxencias sexa avaliado "polo seu grao de gravidade" e aqueles máis severos "non van esperar e en 10 minutos serán atendidos", afirmou.

Para aquelas persoas que acoden nun estado non tan grave, Aboal admitiu que nesta época do ano, na que hai máis xente que acode ás Urxencias, deberán "esperar un pouco máis do habitual". "Pero paciencia, que no Sergas atendemos todo", agregou. Ademais, o director xeral de Asistencia Sanitaria insistiu en que aínda está activa a campaña de vacinación contra a Covid e a gripe, e chamou a que as persoas maiores e tamén os nenos se inmunicen: "Sobre todo agora, en vésperas dos días de Nadal, onde as familias se reúnen e onde ha máis contacto social".