"Cada vez vemos furacáns máis ao norte, máis grandes e de maior intensidade"

Delegado territorial de Aemet na Galiza, Francisco A. Infante Alonso. (Foto: Nós Diario)
Nós Diario conversa co delegado territorial da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), Francisco A. Infante Alonso, sobre o furacán Danielle, a súa evolución e desprazamento. Aliás, o experto explica como están afectando o cambio climático e o quecemento global na formación de depresións e ciclóns tropicais na zona norte do Océano Atlántico.

Á hora de falar sobre Danielle, os meteorólogos e meteorólogas empregaron o termo fenómeno “anómalo”. Que tivo de particular este evento meteorolóxico?

O que tivo de especial foi o lugar no que se formou, moi ao norte no Océano Atlántico. As depresións e ciclóns tropicais adoitan nacer en augas máis cálidas, perto do golfo de Guinea. Neste caso, Danielle formouse moito máis ao norte, en augas máis frías.

Ademais, o seu movemento non é o habitual neste tipo de depresións. O normal é que as tormentas tropicais que se forman en África Occidental se despracen cara ao oeste, empurrada polos ventos alíseos, e acaben no mar Caribe. Danielle, que se formou ao oeste das illas Azores, moveuse rapidamente cara ao norte e leste do Océano Atlántico.

Os modelos de predición empregados polas axencias de meteoroloxía mostraban un comportamento errático en Danielle. É algo normal neste tipo de fenómenos?

Estes fenómenos extremos presentan un comportamento moi difícil de prognosticar. Cando se formou, hai xa case dúas semanas, semellaba nun primeiro momento que o seu desprazamento podía levalo a alcanzar, dalgunha maneira, a Galiza. Mais, co paso do tempo, os modelos do National Huracan Center de Miami, organismo referencial, mostraron que Danielle non ía afectar o país como ciclón ou como tormenta tropical. A probabilidade de que isto pasase foi descendendo a medida que pasou o tempo.

Desta maneira, seguirá un comportamento típico neste tipo de situacións. Ao chegar a unha zona de augas tan frías, perde a súa condición de depresión tropical e se converte nunha borrasca habitual na Galiza. Os restos de Danielle atópanse agora mesmo ao oeste da Galiza, pero coas características típicas dunha borrasca atlántica. Deixará algunha precipitación intensa durante a tarde desta segunda feira e a mañá da terza, pero nada máis. Algo totalmente normal nesta época do ano.

Pensa que no momento no que se deu a coñecer esta depresión tropical, estendeuse unha certa sensación de alarmismo desmedido?

Probabelmente. En especial, nun principio, cando a incerteza da súa evolución e o seu desprazamento era moi grande. Algúns medios de comunicación, a maioría non, e algunhas persoas en redes sociais, mesmo cun certo grao de coñecemento e formación, fixeron afirmacións moi aventuradas e prognósticos demasiado a longo prazo e polo tanto con moi pouca fiabilidade. A probabilidade de acertar, tal e como demostrou ao longo das xornadas Danielle, era moi baixa.

Falaba antes do carácter “anómalo” de Danielle. A falta de que estuden máis en profundidade os datos que deixou este fenómeno meteorolóxico, e tendo en conta o impacto do cambio climático, é posíbel que vexamos máis furacáns destas características achegándose tan ao norte do Océano Atlántico?

O cambio climático está moi ligado co quecemento global. Dentro do sistema atmosférico, son os océanos os que máis calor están acumulando. Se aumenta a temperatura dos mares e cada vez o fai a maior velocidade que a propia atmosfera, isto provoca que cada vez se acumule máis enerxía nos océanos.

Isto a súa vez provoca que aumente a probabilidade de que haxa ciclóns e depresións tropicais movéndose cada vez máis ao norte, porque atopan augas cálidas en latitudes máis ao norte. Aliás, a súa intensificación é cada vez máis rápida, tardan menos en evolucionar.

Por outra parte, non se aprecia que haxa un aumento na frecuencia do número de furacáns que se forman nas tempadas habituais. O que si observamos é que houbo un incremento dos furacáns máis grandes e intensos nas escalas de medida habituais.