Francesco Tonucci: "O modelo Pontevedra haino que levar a todas as vilas"

Un intre do seminario organizado pola Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra. (Foto: Rafa Estévez)
O pedagogo sostivo que se poden aforrar os cartos de parques infantís e investilos doutro xeito para construír urbes amábeis onde as persoas poidan desenvolver a súa vida con prioridade fronte aos coches.

200 representantes políticas e técnicas municipais de comarcas coma O Baixo Miño, O Morrazo, O Deza, O Condado, O Salnés, a de Vigo ou a de Pontevedra, déronse cita esta sexta feira no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra para escoitar o pedagogo italiano Francesco Tonucci.

No seminario O hábitat xogábel, organizado pola Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra, o tamén debuxante pregoou como o xogo “é a experiencia máis importante da vida”.

Nesa liña, reiterou como as crianzas son “un sensíbel indicador ambiental, como os lucecús ou as andoriñas, que cando non aparecen significa que o ambiente está contaminado”, e iso, sentenciou, implica que unha cidade está enferma.

Para que sande, a solución é fomentar a relación entre o espazo público e o xogo, e niso, a cidade de Pontevedra é “mestra”, destacou o pedagogo. “Ese modelo haino que levar a todas as vilas”, recomendou.

E non se trata de facer unha cidade para “as nenas e nenos”, senón de ter claro que se unha urbe é valida para as crianzas, tamén o é para “mulleres, maiores, persoas con diversidade funcional etc, non só para o perfil privilexiado de home traballador”, indicou.

Ademais, fixo fincapé en que a cativada “modifica a rúa” e “obriga os adultos a portarse mellor, a facerse cargo deles. Os nenos e nenas producen seguridade”, considera Tonucci, que matizou que non se trata de investir en construír parques infantís con chan acolchado e ben valados, uns cartos que os Concellos poden aforrar, insistiu; trátase de crear espazos amábeis que permitan desenvolver o xogo libre, con medidas como os camiños escolares ou rebaixar a velocidade máxima dos coches a 30 quilómetros por hora, “para favorecer o movemento autónomo, iso é unha cidade que se preocupa pola súa cidadanía”, subliñou.

"Os coches deben ser os convidados"

“As cidades deben estar a escala humana. Os coches deben ser os convidados, non os anfitrións”, transmitiu a seguinte participante, a xeógrafa Marta Román, que profundou na perspectiva ofrecida por Tonucci, apuntando que as crianzas teñen que poder “facer recados, xogar nas beirarrúas, non só nun sitio específico”.

A voz da infancia no seminario foi o pediatra Juan Gil, que reclamou “espazos amábeis e seguros que permitan a actividade”, sostendo que o “futuro e o presente dun país depende da calidade da formación que ten a súa cidadanía e da calidade de vida desta”.

As últimas intervencións correron a cargo de María Masaguer e Martín Barreiro, integrantes do Estudo Rurban, que propuxeron “xerar corredores ecolóxicos" complementados con sinalización específica para o tránsito peonil,  ou estreitar as estradas para que as persoas contén con espazos de 2,5 metros de largo.