A irmá de Fraga emprende desde o 'ABC' unha cruzada contra o dereito das mulleres a decidir

Publica unha Carta ao director en que informa de que se lle ofreceu voluntaria a Rajoy para "ler no Congreso e no Senado os nomes  dos máis de 1.700.000 bebés asasinados silenciosa e legalmente polo aborto en España desde 1985". Aproveitou tamén para lle pedir que "acabe con este masacre" e modifique a lei de 2010


Margarita Fraga, irmá do falecido ex ministro da ditadura e ex presidente da Galiza, Manuel Fraga, enviou esta segunda feira unha carta ao director do diario español ABC para se ofrecer como voluntaria para "ler perante o Congreso e perante o Senado os nomes dos máis de 1.700.000 bebés asasinados silenciosa e legalmente polo aborto en España desde 1985". 

No seu escrito, Fraga fai coma quen que as mulleres non teñen dereito a decidir sobre a súa maternidade e pasando incluso por riba dunha lexislación que de momento fica vixente, a de 2010, que considera libre o desexo das mulleres de interromperen o seu embarazo durante as 14 primeiras semanas sen a intervención "de terceiros", isto é, tampouco do Estado nin da Igrexa. O prazo aumenta até a semana 22 en supostos de risco grave para a saúde da grávida ou do feto. 

Presidenta dunha organización ultracatólica

Informa na carta enviada ao ABC de que primeiro encamiñou unha misiva para o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, en que fixo tal ofrecemento e reclamou ao PP que acate o compromiso que levaba no programa electoral con que gañou as eleccións de novembro de 2011 de "acabar con este masacre" e modificar a lei do aborto. Xustamente o camiño recomendado por Fraga, que preside a asociación ultracatólica Evangelium Vitae, é o que segue o titular de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón: a reforma que propuxo anula os dereitos das mulleres e devolve os criterios para a IVE a tempos anteriores a 1985, cando tiñan que dar explicacións se non querían ser nais.

Margarita Fraga declárase "orgullosa de ser irmá do fundador do Partido Popular, que conta entre os seus membros con Antonio Basagoiti, capaz de ler o nome das 857 vítimas de ETA diante dos representantes dos seus verdugos". Emulando a Basagoiti, ofreceuse a ler "os nomes" dunha cantidade de fetos que ela calcula en función das estatísticas oficiais das IVE realizadas.