Negar o aborto legal nos hospitais públicos "equivale á tortura", di un relator da ONU

Polo aborto libre [SG]
Na maioría dos hospitais da Galiza as mulleres grávidas que desexan pór fin ao seu embarazo son derivadas á privada, nomeadamente nos complexos da Coruña e de Lugo. En Vigo practicaríanse na pública os abortos por malformación ou enfermidade da nai e Ourense asome o 90% dos casos que chegan


A ausencia do Estado na regulación, o control e a supervisión nos servizos de saúde sexual e reprodutiva "equivale á tortura" das mulleres. Sinalouno o relator especial de Nacións Unidas para a tortura e os tratos inhumanos, Juan E. Méndez, ao debullar unha listaxe de tratamentos que considera "crueis", como tratamentos dolorosos de abstinencia sen asistencia médica no caso de persoas adictas ás drogas, o uso de medicamentos experimentais con human@s ou tratamentos forzados para curar patoloxías psíquicas.

Porén, o aborto mereceu para Méndez mención á parte. "Os estados cuxa lexislación os autorice en diversas circunstancias (caso do Estado español) deberán velar pola dispoñibilidade real dos servizos sen consecuencias adversas para as mulleres grávidas ou @s profesionais da saúde que practiquen as interrupcións voluntarias do embarazo. Acrecentou o relator da ONU que calquera práctica discriminatoria contra as mulleres, como as trabas burocráticas para abortar, non garanten os seus dereitos e poden ser claficicadas como tortura.

Respecta o Sergas o dereito ao aborto?

Entrementres a reforma da lei do aborto que prepara o goberno español non sae adiante, facendo que os dereitos das mulleres recúen a unha situación anterior a 1985 cando tiñan que dar explicacións se non querían ser nais, a lei que está vixente é a aprobada en 2010 polo goberno de Zapatero. O texto recolle unha obriga que se fai extensíbel a todos os hospitais públicos: garantir o acceso das embarazadas á IVE. De non dispor de medios, as consellarías de Sanidade de cada territorio asinarían concertos con centros privados.

Pois ben, na maioría dos hospitais da Galiza as mulleres serían derivadas á privada, nomeadamente nos complexos da Coruña e Lugo. En Vigo asumiríanse na pública os abortos por malformación ou enfermidade da nai, e en Ourense practicaríanse "fóra" algunhas intervencións "por un problema de persoal", aínda que máis do 90% realizaríanse no propio hospital e corresponden a casos non só desta provincia senón tamén de Pontevedra.

Explícao José Luís Doval, xefe de xinecoloxía no CHOU e pioneiro na realización da IVE no país, quen aclara que entre as oito e as doce semanas non hai anestesistas que asuman o aborto polo método cirúrxico e a muller é derivada ora a unha clínica privada ora a un centro do estranxeiro, situado en Madrid ou en Asturias.

Dereito a obxectar vs. Dereito a abortar

"A obxección de conciencia é unha cuestión de comodidade", espeta Doval. Recorda que en 2006, cando a lei actual nin se pensaba, o 99% d@s xinecólog@s eran obxector@s. No Observatorio da Mariña pola Igualdade, Luisa González informa de que nos últimos días recolleron datos que fan referencia a que a obxección segue pola volta do 90%. Amb@s @s dúas teñen claro que o que falta é unha aposta desde os propios hospitais en defensa d@s profesionais que decidan practicar abortos, e que se garanta, efectivamente, o cumprimento da lei.

Ao respecto, explica Doval que os casos de embarazos por riba das 22 semanas van a un comité onde se discute sobre a pertinencia de practicar unha IVE ao existir grave risco para as nais, "e todas as mulleres pasan ese comité". Doval fai parte del. Ao lle preguntar pola frecuencia con que se convoca, bota contas e di que en tres meses tiveron que valorar o historial de cinco mulleres. Porén, como as interrupcións que non se practican no hospital público "hai que resolvelas igual nun centro privado" @s xinecólog@s desenténdense "porque non queren ser sinalados como 'o que fai abortos' e porque non existe presión ningunha por parte da administración".

Eis aquí, a xuízo do doutor Doval, unha das vantaxes da lei de 2010: "que o sistema sanitario público non se poida declarar obxector". Porén, Luísa González vai máis aló e recalca na falta de vontade do Sergas en que a IVE sexa realmente máis un servizo da sanidade pública.

"Onde se practican realmente os abortos?", pregunta Luísa Ocampo, traballadora nun hospital público e activista de Mulheres Nacionalistas Galegas —MNG. "Practícase alí onde o xefe de servizo ten unha mentalidade máis progresista", explica, recordando que durante moitos anos o CHOU, onde o xefe de xinecoloxía é Doval, foi o único complexo público onde se garantía a interrupción do embarazo.

Así as cousas, un hospital con tod@s @s médic@s obxector@s onde as mulleres se ven privadas de información ou son derivadas á privada "dáse desde que se aprobou esta norma, polo que non se lle pode achacar aos recortes: é unha cuestión política e responde a unha ideoloxía", di Luísa González, do Observatorio da Mariña pola Igualdade. Porque, cal é a información que facilita o Sergas sobre a IVE?

A Red Madre e os tres días de reflexión

De navegarmos polo seu portal web oficial até chegar ao Espazo da cidadanía, atoparemos á esquerda as 18 opcións do menú O cidadán e a saúde. Na décimo terceira posición aparece a IVE; na décimo segunda, unha ligazón á Red Madre, fundación privada española próxima á ultradereita.

Seguimos na web do Sergas. Se escollemos a opción Información sobre a interrupción voluntaria do embarazo, dentro aparece máis unha ligazón á Red Madre e, sobre este colectivo, a consellaría de Sanidade ofrece toda a información relativa á ILP presentada no Parlamento da Galiza e a partir da cal o PP pariu, sen contar co apoio de ningunha outra forza parlamentar, a súa Lei 5/2010, de apoio á muller embarazada. Nela inaugúrase a "educación para a maternidade" e faise fincapé en "revalorizar a figura da muller xestante".

A decisión da Xunta de materializar o enquistado rexeitamento ao aborto dándolle un espazo a esta fundación racha con outra disposición contemplada na lei de 2010: que as mulleres que decidan interromper o embarazo deberán reflexionar a súa decisión durante un período de tres días após recibiren toda a información "de maneira clara, obxectiva e exenta de presión". Na web da Red Madre, á cal se accede tamén desde o portal do Sergas, pendúranse artigos como o titulado Estudio médico relaciona aborto y mayor incidencia posterior de depresión, ansiedad y consumo de alcohol.