Revista de pasatempos

Xerardo R. Roca: "Con 'A formiga no carreiro', cubrimos un espazo inexistente até agora na Galiza"

Xerardo Rodríguez Roca, coautor da revista de pasatempos en galego e portugués, 'A formiga no carreiro'. (Foto: Nós Diario)
Xerardo R. Roca é coautor xunto con Xoán Costa da revista de pasatempos en galego e portugués á venda este mes de agosto: 'A formiga no carreiro'.

—Vostede, xunto con Xoán Costa, foron os encargados de elaborar a revista de pasatempos A formiga no carreiro. De onde xurdiu a idea e como foi o proceso de elaboración?
A idea orixinal foi de Xoán Costa, a miña achega neste primeiro número de A formiga no carreiro, exceptuando un par de cuestións, foron principalmente os pasatempos en portugués. O dos pasatempos en lingua portuguesa é basicamente tamén o que fago na edición en papel de Nós Diario de terza feira a sábado.

—En que consiste o formato desta revista?
Digamos que os pasatempos que se poden ir facendo ao longo desta revista van enlazados coa personaxe da formiga, que, como dicía o José  'Zeca' Afonso na súa canción tamén titulada A formiga no carreiro, "vinha em sentido contrário".

Isto pode entenderse tamén no sentido de que imos dalgunha maneira a contracorrente, xa que non é frecuente encontrar pasatempos en galego e portugués neste país, nós ofrecemos este tipo de publicación ao público e cubrimos un espazo que, até o de agora, non estaba a cubrir ninguén.

—Fala de pasatempos en portugués. Cre que debería haber máis espazo non só para os pasatempos senón para a lingua portuguesa en xeral nos medios galegos?
Creo que as galegas e galegos temos unha porta ao mundo impagábel que estamos a desperdiciar. 250 millóns de persoas falan portugués e os galegos cun pequeno esforzo podemos chegar a dominalo.

Hai uns anos aprobouse a Lei Paz Andrade que teoricamente ía promover o uso do portugués na Galiza, algo que realmente non aconteceu xa que a actitude da Administración non é moi positiva. Segue a quedar a promoción da lingua portuguesa en mans do profesorado de galego e no seu voluntarismo.

Entón si que creo que debería haber máis espazo nos medios galegos para o portugués, mesmo porque existe demanda. Xa me teño encontrado con xente que me di que xa era hora de que houbese unha revista con pasatempos en portugués pensada para galegos.

—Mencionaba tamén os pasatempos en portugués na versión en papel de Nós Diario. Que nos pode contar sobre eles?
Vin unha posibilidade hai cousa de tres anos de ir introducindo algún pasatempo en portugués. Falei con Xoán Costa, a el pareceulle ben e aí comezou a miña colaboración. A medida que pasaba o tempo fun incorporando novos modelos e, de feito, no segundo número de A formiga no carreiro, vou incorporar un novo modelo de pasatempo en portugués.

—Que papel desempeñan os pasatempos na normalización lingüística da lingua?
Un papel realmente moi importante. Todo o que se faga en lingua galega axuda no relativo á normalización lingüística. Desde unha conversa nun bar até facer uns encrucillados é importante para que se vexa que a lingua é útil. Mais non só iso, os pasatempos tamén axudan no que ten a ver coa culturización e aprendizaxe.