Unha forma de visualizar o "espolio" eólico: deseña o mapa de muíños da túa vila á carta

Mapa dos eólicos nunha zona do concello de Ferrol. (Foto: Monfero Di Non)

A plataforma Monfero Di Non publicita a través da súa web cartografía na que se amosa a afección que teñen ou terían os parques de aeroxeradores en determinadas zonas como Vimianzo, Cabanas, Oza-Cesuras, Friol, Carral, Fisterra, As Pontes, Betanzos ou Cabanas entre outras localidades. Tamén invita a crear a túa propia realidade eólica coa información da que dispós e a axuda de profesionais de diversos ámbitos.

A loita contra a ameaza eólica segue a ser unha das preocupacións na axenda de galegas e galegos, especialmente naqueles concellos onde xa hai algún proxecto en trámite. É o caso de Monfero, cuxa plataforma cidadá Monfero Di Non traballa duro para visibilizar o “espolio” ao que pode ser sometida a Galiza se non se pon freo ás electricas.

O colectivo, que leva poucos meses creado pero que desde antes da súa oficialización xa estaba a traballar arreo na procura de información sobre o novo boom eólico no país, axuda agora a calquera cidadá a coñecer de forma máis directa como sería o seu entorno habitual de instalarse novos muíños ou como é agora ese espazo que a rodea e que non é quen de percibir de forma global.

Para amosar ese dano medioambiental que veñen denunciando tanto entidades cidadás como ecoloxistas, o grupo invita desde a súa web a crear mapas de muíños á carta, é dicir, incorporando a información dos polígonos eólicos que hai a imaxes vía satélite do Google Maps.

O proxecto, no que colaboran “asociacións de cartografía, arqueoloxía, bioloxía e outros perfís da Galiza e España”, xa deu os seus primeiros froitos na propia páxina web.

Se ben é certo que dan conta dun método para que cada persoa poida facerse unha idea do dano que causan os aeroxeradores, Monfero Di Non xa conta con até 14 espazos cartografados, a maioría deles do seu propio entorno que afectarían ao municipio ou a outros próximos.

Moitos municipios, moitos nomes que preocupan...

Así, á marxe de que cada quen poida contar cun mapa con muíños en tres dimensións coas coordenadas exactas e xeolocalizar a súa vivenda ou localidade no medio desta industria supostamente sostíbel, as persoas de Vimianzo, Ferrol, Coirós, Monfero, Guitiriz, Friol, Dumbría, Ordes e Moeche, entre outras xa poden acceder directamente a imaxes nas que as mámoas e outros elementos patrimoniais aparecen mesturados cos xigantes das empresas eólicas.

A enumeración é longa: Pena do Corvo, Brión, Carbeira, Patiñeiro, Monteventoso, San Brandán e San Cibrao, Taboada, Sembra, Moeche, Caaveiro, Alto dos Borrallos, Roidiz, Seselle, Legre... Non faltan propostas para analizar, moitas delas previstas para terreos nos mesmos concellos asediados polas iniciativas de aproveitamento en marcha.

O colectivo non cesa no seu empeño de facer ver o que acontece coa enerxía eólica -mesmo se fala do soño de crear unha aplicación para achegar alegacións ás iniciativas de forma sinxela- e alude, no seu perfil nas redes sociais, á necesidade de “nos safar destes muíños, pero visto a medio prazo, a maioría vanse quitar sós porque isto non funciona”.

“As leis da termodinámica son inviolábeis, esas non son das que fan os políticos, esas fíxoas Deus, os homes só as descubriron”, engade cun punto de ironía na mensaxe.

En relación ás queixas que poida presentar a cidadanía lamenta que se estea a pór “moita dificultade para que os paisanos se informen e poidan oporse”, porque detectan plans preparados con “sixilo” con procedementos que “son opacos”.