"Fóra xa", un berro en marcha contra a presenza de Ence na ría de Pontevedra

Marcha contra celulosas (Foto: Xaquín Soliño)

A anual marcha contra a presenza de Ence na ría de Pontevedra volveu xuntar unha multitude ás portas da pasteira. “Fóra xa”, foi o berro unánime este domingo, 4 de xullo, nunha mobilización cargada de duras críticas ao Goberno de Alberto Núñez Feixoo pola súa defensa da permanencia da fábrica en plena ría.

Baixo o lema “Fóra xa”, centos de persoas participaron este domingo, 4 de xullo, na anual marcha contra celulosas, respondendo ao chamamento da Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR). Ás 12 horas as e os manifestantes partiron das alamedas de Marín e Pontevedra con destino a planta da pasteira de Ence en Lourizán, Pontevedra.

A deste ano foi unha marcha moi especial, primeiro porque colleu o relevo á de 2019, xa que o ano pasado non se realizou por mor da pandemia. E segundo, porque decorreu ás portas de que a Audiencia Nacional resolva sobre os recursos contra a prórroga de 60 anos concedida á pasteira en 2016 polo Goberno de Mariano Raxoi cando este estaba en funcións. Pódense mesmo dar tres casos na resolución da Audiencia Nacional: validar a prórroga até 2073, deixala só até 2033 ou ben, recoñecer que a prórroga foi ilegal e que o tempo de Ence na Ría de Pontevedra rematou xa en 2018.

Con todo, Antón Masa, presidente da APDR, afirma nunha entrevista concedida este domingo a Nós Diario que sexa cal sexa a resolución xudicial a loita vai continuar porque a mobilización social será quen de conseguir a vitoria final para a ría, o medio e o desenvolvemento da comarca.  Masa recoñece que se a sentenza for favorábel a Ence, “podería haber recurso no Tribunal Supremo e perante a Unión Europea. A vía legal é importante mais, para nós, é moito máis importante a vía da mobilización social e entendemos que para que unha decisión xudicial sexa respectuosa coas leis ambientais depende moito da mobilización social que exista nese momento”.

Aliás, desde a APDR veñen de publicar a súa “carta aberta ao presidente da Xunta da Galiza”, Alberto Núñez Feixoo. Nela, aseveran que en Pontevedra “somos moitas as persoas que estamos fartas de aturar a presenza de Ence na nosa ría e nas nosas vidas” pero “estamos máis fartas se cabe, das institucións e dos gobernantes que, como a Xunta da Galiza e vostede mesmo que a preside, están instaladas no incumprimento sistemático da lexislación ambiental, na corrupción ambiental que protexe os intereses particulares dunha empresa fronte ao lexítimo interese xeral”.

De facto, na entrevista en Nós Diario, Masa acusa a Xunta da Galiza de estar “sempre ao servizo de Ence", sinalando que "a política ambiental da Xunta en Pontevedra dítaa Ence". Asegura ademais "que non acabamos de entender que razón pode levar á Xunta a defender de maneira tan desmedida Ence cando non o fai con outras empresas e permite o fechamento doutras instalacións”. Porque hai distintas varas de medir?, pregúntase Masa, “non abonda para xustificar este trato de favor o feito de que haxa personalidades moi importantes do PP sentadas no Consello de Administración de Ence, é como se o presidente da Xunta e o Goberno da Xunta estivesen recibindo algún favor económico, persoal ou grupal”, apunta.