Antón Masa (APDR): "A política ambiental da Xunta dítaa Ence"

Antón Masa, presidente da APDR

Este domingo de mobilización contra a planta de Ence na Ría de Pontevedra, Nós Diario conversa con Antón Masa, presidente da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), ás portas de que a Audiencia Nacional resolva sobre os recursos contra a prórroga de 60 anos concedida á pasteira en 2016 polo Goberno en funcións de Mariano Raxoi.

Após o parón do último ano por mor da pandemia, a anual marcha contra celulosas volve ás 12 horas deste domingo 4 de xullo desde as alamedas de Marín e Pontevedra e até as instalacións da planta de Ence. Marchan baixo o lema “Fóra xa” para exixir o fechamento definitivo e inmediato da actividade da pasteira en Lourizán (Pontevedra). Nós Diario conversa con Antón Masa, presidente da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR),

-Que esperan da decisión da Audiencia Nacional?

Esperamos a mellor solución para a Ría de Pontevedra: que decidan que a concesión de Ence rematou xa en 2018. Sabemos que é difícil que a Audiencia Nacional se postule así, mais entendemos que a posición de considerala legal até 2073 tampouco debera ser unha resolución xudicial, non só porque iría absolutamente contra da lei, senón tamén porque iría contra a doutrina do Estado e a doutrina defendida pola Avogacía do Estado.

É posíbel que adopten outra decisión, manter a concesión até 2033, unha solución que non compartimos e que recorreríamos.

-Cal será o camiño se a Audiencia Nacional decide manter a concesión até 2033 ou 2073?

Podería haber recurso no Tribunal Supremo e perante a Unión Europea. A vía legal é importante mais, para nós, é moito máis importante a vía da mobilización social e entendemos que para que unha decisión xudicial sexa respectuosa coas leis ambientais depende moito da mobilización social que exista nese momento.

-Como será a marcha deste ano?

É un ano raro, o ano pasado non convocamos a marcha anual por responsabilidade e vemos que a sociedade en xeral está desmobilizada.

Con todo hai un ambiente moi favorábel a asistir á protesta, hai moito cabreo. A nosa asociación fixo 34 anos, moita xente dos que empezamos estamos nos 70 anos de idade ou por riba e algúns xa non poden facer todo o percorrido da marcha de ida e volta, mais veñen ao inicio. Pero, por outra banda, cada ano vén mías xente moza e seguen coa protesta.

-Este ano houbo ademais unha preocupación engadida na ría polos niveis de mercurio achados na contorna de Ence.

A procedencia do mercurio é dunha empresa que foi de Ence no pasado, Elnosa, unha electroquímica que produciu cloro de sosa e derivados.

O que saíu agora á luz, algo que nós xa sabíamos e do que tiñamos alertado, foi que Ence denunciou que por culpa de Elnoa os seus terreos están cargados de mercurio. Mais Ence, se denunciou, foi para non ter que asumir o custo de eliminar ese mercurio dos seus terreos.

Ence non tivo a prudencia de impedir o paso de mercurio ao seus terreos pero ademais foi corresponsábel con Elnosa durante todo o tempo que esta empresa pertenceu a Ence. Por outra banda, hai máis mercurio do que di Ence, hai máis mercurio nas barxas da pasteira e tamén no que chaman a canle perimetral, que é unha cale dun pequeno río que desviaron ao redor da empresa e no que durante un tempo tamén se verteu o mercurio de Elnosa.

Exiximos por tanto á Xunta que faga asumir os custos da eliminación do mercurio a Ence e que lle obrigue a asumir a súa responsabilidade na cuestión ambiental.

-Mais o presidente da Xunta, Núñez Feixoo, considera que non só é preciso o mantemento de Ence senón que a Galiza precisa dunha segunda pasteira.

A Xunta da Galiza estivo sempre ao servizo de Ence. A política ambiental da Xunta en Pontevedra dítaa Ence e non acabamos de entender que razón pode levar á Xunta a defender de maneira tan desmedida Ence e os postos de traballo derivados desa actividade cando non o fai con outras empresas, e permite o fechamento doutras instalacións ou que Abanca, privatizada, feche unha multitude de oficinas deixando na rúa moitas e moitos traballadores e sen servizo moita poboación do rural galego.

Porque hai distintas varas de medir? Non abonda para xustificar este trato de favor o feito de que haxa personalidades moi importantes do PP sentadas no Consello de Administración de Ence, é como se o presidente da Xunta e o Goberno da Xunta estivesen recibindo algún favor económico, persoal ou grupal.

-Teme que a Xunta beneficie o modelo Ence cos fondos Next Generation e reforce a súa presenza na ría?

Non está claro aínda que no proxecto Next Generation para unha planta de fabricación de fibra vaia empregar pasta elaborada por Ence ou por unha suposta nova celulosa que se dedicaría exclusivamente á fabricación de pasta para fibra, que é un sistema produtivo diferente do que ten hoxe Ence.

En todo caso, estes fondos deben ser investidos nas necesidades que ten o pobo galego e non nas de determinadas empresas.