Ensino

"Fóra a OTAN da Universidade": estudantes da USC rexeitan unha conferencia militarista

Concentración decorrida esta segunda feira ante a Facultade de Dereito da USC. (Foto: Nós Diario)
A USC premia cunha viaxe á sede da OTAN.

"Fóra OTAN da Universidade". Esta é a mensaxe que puido lerse e escoitarse esta segunda feira ás portas da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Medio cento de estudantes e activistas internacionalistas, convocadas por Erguer. Estudantes da Galiza e polo colectivo Mar de Lumes, concentráronse ás portas deste centro educativo mentres, no seu interior, decorría unha conferencia financiada polo Goberno dos Estados Unidos e enmarcada no programa "Defensa e eu", o cal ofrece como premio unha viaxe á sede da Organización do Tratado Atlántico Norte (OTAN). 

Segundo denunciaron desde Erguer, a conferencia, que conta coa colaboración da Universidade a través do Centro de Estudos de Seguridade (Ceseg), fixo que a comunidade educativa se concentrara para denunciar o papel que cualifican como "cómplice" da súa propia universidade. A asociación estudantil defende que esta institución "non debe ser altofalante de quen promove as armas como solución aos conflitos e fomenta a guerra", en palabras do responsábel de Erguer en Compostela, Lucas Pardo.

"O rol agresivo e imperialista que está a xogar a OTAN, coa sinatura de pactos militares e un maior gasto militar dos seus membros, o aumento de bases militares e o continuo fomento desta maquinaria bélica non son o camiño para un mundo en paz e liberdade. E, desde logo, a universidade pública non pode ser o seu altofalante para facer propaganda", aclara Pardo.

Así, tanto Erguer como Mar de Lumes cuestionaron a "inxerencia" de Defensa na USC. "Non podemos permitir a inxerencia deste tipo de actores na universidade pública, que tentan facer un lavado de cara do que realmente representa a OTAN e seguir favorecendo a escalada bélica", afirmaron.

Contra os estatutos 

Erguer declarouse comprometida coa paz mundial e afirmou que “no contexto actual é fundamental defender a diplomacia e o diálogo fronte ás armas”, destaca Pardo, que apunta tamén á "hipocrisía coa que está tratando a USC o tema", pois os estatutos da propia universidade recollen no seu Artigo 4.9 que "A Universidade de Santiago de Compostela non colaborará no desenvolvemento de proxectos con fins armamentísticos ou bélicos (...)".