Os fondos dos programas europeos baixo sospeita

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na reunión de Next Generation Galiza
A aprobación no Consello Europeo de xullo dun paquete de axuda financeira aos Estados da Unión Europea para enfrontar a situación creada polo coronavirus volve colocar en primeiro plano o debate sobre os fondos europeos. Onte reuniuse a comisión Next Generation Galicia, un día despois de o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciase a remisión de 108 propostas ao Goberno español que fai temer a priorización das grandes empresas e a exclusión das pemes.
 

As dúbidas sobre o uso do diñeiro procedente dos diversos programas europeos foron unha constante no debate académico e político da Galiza das últimas décadas. As críticas aos proxectos impulsados desde a Administración galega e a política de subsidios que afondou na especialización produtiva nun modelo de escaso valor engadido chegaron desde diversos sectores da sociedade.

A día hoxe son moitas as dotacións públicas programadas a cargo das liñas de axuda comunitaria en situación de abandono ou que mesmo non chegaron a entrar en funcionamento. Outro tanto aconteceu coa fiscalización e control do diñeiro achegado, cuestión denunciada por organismos públicos como o Consello de Contas da Galiza.

As dúbidas sobre o uso do diñeiro dos programas europeos foron unha constante

As propias autoridades comunitarias someteron a investigación diversos proxectos financiados na Galiza a cargo de fondos europeos. Así, por exemplo, á volta de 2012, a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (Olaf) abriu unha investigación á Deputación de Ourense ao entender que “existen sospeitas dabondo fundadas de que se teñen cometido actos de fraude, corrupcións ou outros actos ilegais que afectan a intereses da Unión Europea” en relación co Plan Daredo e o Plan Deputrans, dous proxectos destinados a sufragar a adquisición de depuradoras de augas residuais domésticas para diferentes concellos ourensáns. Porén, non se tratou dun feito illado como demostraron procedementos posteriores.

Unha xestión baixo sospeita

O Tribunal de Contas da Unión Europea cuestionou, tamén, actuacións en infraestruturas executadas con fondos achegados por programas comunitarios. Concretamente, en relación ao porto exterior da Coruña sinalou que as contribucións “financiaron obras inutilizadas ou infrautilizadas”, que “non representaron un aumento da súa actividade” e que “requirirá de diñeiro público adicional para dotarse das infraestruturas de comunicación básica”.

As asimetrías dentro do espazo europeo e o papel dos fondos é obxecto de vivas controversias

Unhas advertencias moi semellantes recolléronse en referencia ao novo peirao de Ferrol e sobrecustos en varias obras cometidas no porto de Vigo. Os problemas identificados nestes equipamentos galegos foron homólogos a outros sinalados para o conxunto da Unión Europea.

O impacto das achegas procedentes dos diversos programas comunitarios na economía galega é discutíbel. O profesor da Universidade de Compostela (USC), Gonzalo Rodríguez, considera en declaracións a Nós Diario que “Galiza é un país que segue as inercias e en lugar de utilizar os fondos estruturais para investir máis e superar os déficits estruturais, seguiu gastando o mesmo.

O Goberno galego non empregou o diñeiro para gañar posicións relativas, recuperar a capitalización da economía nin para subvencionar novas industrias para gañar capacidade económica”. “Non se activaron os proxectos máis estruturais”, lamenta Rodríguez, que urxe a Administración a “liderar o mercado e non seguir o mercado, porque non superamos os déficits estruturais e non temos capacidade de converter o coñecemento científico en coñecemento aplicado”.

A economista da USC María Cadaval entende que “os fondos foron positivos no seu conxunto pero puideron ter un aproveitamento mellor, xa que sendo o obxectivo dos fondos estruturais crear unha estrutura non o conseguiron”. “Os fondos anteriores repartíronse en forma de aspersor que botaba auga en moitos sitios e iso axudou a que moitos pequenos proxectos medrasen e se salvasen pero esa auga non chegou ao fondo”, di, en conversa con este medio. 

“Agora toca cambiar o aspersor pola mangueira, que os fondos se liguen a dous e tres proxectos que poidan servir para empuxar o seu arredor outros proxectos máis pequenos”, agrega Cadaval, que lembra como xurdiu o sector do automóbil na Galiza arredor da implantación de Citroën e que agarda que as novas iniciativas xurdidas a carón do fondo de recuperación poidan actuar como auténticos tractores de novas propostas.
 

 

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]