O negocio dos maiores: fondos de investimento compran residencias na Galiza

Imaxe de arquivo dunha residencia (Foto: SG)

A xestora de fondos Threestones Capital, de Luxemburgo, adquire a DomusVi tres centros: Cangas, Lalín e Noia, que suman ao redor de 450 prazas, parte das cales están concertadas coa Xunta.

Menos de 20% das residencias de maiores da Galiza son públicas. Apenas 5.000 das 22.000 prazas que hai no noso país están en centros públicos. No entanto, aumentan as prazas privadas e tamén aquelas de xestión privada mais sufragadas con fondos públicos. Familiares de usuarios e sindicatos teñen denunciado en máis dunha ocasión que a estratexia da Xunta avanza cada vez máis na "privatización" dun servizo que debera ser público. 

Este escenario favorece que as residencias de maiores na Galiza sexan vistas como un negocio, o que atrae a atención de diferentes investidores, tamén de fóra do propio Estado español.

Unha das interesadas vén de dar o paso e entrar no negocio dos centros de maiores galegos. É a xestora de fondos luxemburguesa Threestones Capital Management. A propia firma defínese como un grupo independente de xestión de investimentos de rápido crecemento. A empresa xestiona vehículos de investimento regulados de capital privado inmobiliario.

A súa operación contempla a adquisición de cinco activos de DomusVi, antiga Geriatros, por un importe de 30 millóns de euros. Tres deses cincoc entros están na Galiza, nas localidades de Noia (comarca homónima), Lalín (comarca do Deza) e Cangas (O Morrazo).

Entre as tres, e seguindo os datos que a propia Domus Vi dispoñibiliza na súa web, suman ao redor de 450 prazas, que se reparten entre as de carácter privado e aquelas concertadas coa Xunta da Galiza.

Threestones pechou a adquisición a DomusVi a través do fondo TSC Eurocare IV, centrado en propiedades de residencias para a terceira idade con alugueres a longo prazo con operadores do sector.

Threestones desembarcou no territorio estatal en 2018 e o seu cartafol está composto por 19 centros. DomusVi está participada polo fondo británico ICG e o francés SRS. En outubro do ano pasado, Wellder, a socimi participada por Renda Corporación e o fondo holandés APG, tamén comprou cinco residencias a DomusVi, das cales dúas estaban na Galiza: DomusVi Ciudad de Pontevedra, cunha superficie de 5.258 metros cadrados e 120 camas; e DomusVi A Coruña Oleiros, con 5.453 metros cadrados e 154 camas.

Os propios datos da Administración autonómica cifran en 5.000 as camas dispoñíbeis en centros públicos. Nos privados hai case 17.000 prazas. En total, 22.000. Os fondos públicos sufragan 13.000 en total, as 5.000 das residencias públicas e por volta de 8.000 en privadas. 

A Xunta reduce por baixo de 20% o peso público nas residencias

A Galiza fechou 2022 cun total de 409 residencias de maiores, das que máis da metade son privadas (213 residencias; 52%), sendo apenas 20% públicas (90 centros).  As outras 106 son de iniciativa social (26%), concepto que engloba desde aquelas sen ánimo de lucro — como a ducia que representa a Asociación Galega de Residencias e Centros de Anciáns de Iniciativa Social Acolle— até outras como pode ser a Fundación San Rosendo, o segundo operador de servizos de xeriatría da Galiza e ligada á igrexa católica. A Xunta da Galiza destinou nos orzamentos para 2023 perto de 100 millóns de euros para financiar as residencias privadas de maiores.