Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'

Os fondos europeos Next Generation: sen ciencia non hai futuro

María Mayán.

Publicamos un extracto da análise de María D. Mayan, directora do Grupo CellCOM no Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC). A análise fai parte do suplemento especial do Sermos Galiza sobre un ano de pandemia. Un especial de 56 páxinas, que acompañará o xornal o 13 de marzo.

O país que inventa é o país que lidera. Esta é a economía Next Generation. O país que non inventa ten que comprar a tecnoloxía e non xera postos de traballo, nin retorno económico. Cando os nosos políticos se queixen de que non lles chegan suficientes doses de vacinas contra o SARS- CoV-2, haberá que lembrarlles que as súas políticas teñen consecuencias.

O “Que inventen eles!” de Miguel de Unamuno sempre sae caro e máis no medio dunha crise global. As grandes potencias ante a Covid-19 como Corea do Sur, Estados Unidos, China, Alemaña ou o Reino Unido, levan investindo décadas preto do 2% do seu Produto Interior Bruto (PIB) en I+D+i. Para eles a hucha da ciencia é intocable. Algúns como Alemaña ou Corea do Sur xa superaron o 3% e 4% respectivamente de investimento do seu PIB en I+D+i.

En Galicia os datos son desoladores, non temos Pacto de Estado pola ciencia que asegure un investimento sostible no tempo e formamos parte do grupo de comunidades autónomas que invisten menos do 1% do seu PIB en ciencia. No País Vasco o investimento supera o 1,9% do seu PIB. Os resultados: son a comunidade autónoma que lidera o retorno per cápita do programa europeo H2020, cunha captación de 690 millóns de euros no período 2014-2019. A consecuencia: 20.250 persoas investigadoras, case o 2% da poboación activa de Euskadi, ten un traballo ben remunerado e altamente cualificado.

Durante a época de crise, desde o ano 2008, as políticas past generation dos nosos gobernos situáronnos en niveis de investimento en I+D+i de hai máis de 10 anos. Hoxe día, grazas á presión da Unión Europea e ao novo plan de choque, investimos o 1,27% do noso PIB en ciencia. Con todo, este plan de choque é insuficiente. Seguimos a niveis de investimento do ano 2010 e acaban de superarnos países como Polonia e Grecia. Portugal leva unha década facéndoo. Entre todos formamos parte do grupo de países que baixan o valor da media de investimento en I+D+i da Unión Europea (2,13%). Nesta lista somos os primeiros.

A análise ao completo poderás lela este sábado no Sermos Galiza Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'.

Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.