Mobilidade

Renfe falla como alternativa na folga do transporte por estrada: atrasos e un tren cancelado por "falta de maquinista"

O tren MD 9082 non saíu de Vigo-Urzaiz por falta de maquinista.
Persoas usuarias da liña do Eixo atlántico protestan máis unha vez polas eivas no servizo: "A folga é de buses, non de trens".

O sector do transporte de viaxeiros por estrada convocou para esta sexta feira unha xornada de folga co fin de "desbloquear" a negociación colectiva e na procura de melloras laborais e salariais. Chamaron ao paro os sindicatos CIG, CCOO e UXT, que lamentan a "falta de avances" nas conversas, cos catro convenios provinciais "paralizados", e alertan tamén do "lamentábel" estado de boa parte da frota de autobuses, con vehículos "moi vellos" con avarías "constantes" que poñen "en risco a seguridade no transporte".

A Xunta impuxo uns servizos mínimos que as centrais sindicais consideran "abusivos", pois supoñen, aseguran, unha actividade media "de 80%" das frecuencias que, en horas punta, alcanza o 100% nalgunhas rutas. A redución de autobuses para esta xornada, porén, faise notar para as persoas que utilizan a diario este medio de transporte para desprazarse até o centro de traballo.

É o caso do Eixo atlántico, onde a liña que percorre a autoestrada AP-9, unha das máis frecuentadas do país, ve reducidos os vehículos no traxecto Ferrol-Santiago-Pontevedra-Vigo, tal e como recolle o DOG, a un vehículo ás 11.30 horas e outro ás 18.40h na viaxe de ida e outros dous, ás 12.35h e 19h, para a volta. Tamén diminúen de forma notábel os traxectos con saída e chegada á Coruña e, naturalmente, no resto do país, pois o paro é xeral.

Renfe presentábase esta sexta feira como a principal alternativa, sobre todo, para esas persoas que adoitan percorrer cada día o Eixo atlántico; porén, a operadora ferroviaria non puido garantir o servizo desde primeira hora. Decenas de persoas quedaron en terra esta mañá na estación de Vigo-Urzaiz por unha incidencia co tren de Media Distancia 9082, que debía partir da cidade olívica ás 8 horas mais foi suprimido, segundo trasladan desde Renfe a Nós Diario, "por falta de maquinista".

A alternativa ofrecida era o tren Rexional 12526, con saída de Vigo ás 9.13h —mais non desde a estación de Urzaiz, senón desde a de Guixar—, paso por Pontevedra ás 9.44h, por Vilagarcía de Arousa ás 10.03h e Santiago de Compostela ás 10.49h. Desde Renfe propuñan tamén o tren Alvia 4254, partindo neste caso de Urzaiz ás 9.20h e permitindo empregar o mesmo billete que o adquirido para o Media Distancia das 8h, pero unha hora e 20 minutos máis tarde.

Mais non foi este o único tren afectado nesta xornada de folga no transporte por estrada. Varias persoas usuarias lamentaron a situación nas redes sociais e cuestionaron os atrasos de entre 2 e 17 minutos —alén da liña suprimida de MD con saída programada ás 8h desde Urzaiz— nos trens de primeira hora con chegada á Coruña, así como o atraso de 25 minutos acumulado no MD que partía desta cidade ás 9h.

As críticas non tardaron en chegar: "Hai moitas persoas en Pontevedra e Vilagarcía sen información nin alternativa. Na Galiza hoxe hai folga de buses e hai ademais aglomeracións de xente por se sobrasen billetes [de tren]", censuraron desde a plataforma de persoas usuarias Tren Media Distancia Galicia.

Esta situación, que se suma á habitual falta de prazas dispoñíbeis en moitas das frecuencias como vén acontecendo desde que se comezaron a expedir os abonos gratuítos, non é nova para moitas viaxeiras: "Hoxe é probable que chegue tarde a traballar grazas aos atrasos de Renfe. Quizais deberían aclarar cales son os motivos polos que non chega á hora nas últimas semanas. Os usuarios merecemos respecto", sinalaba outra usuaria a través das redes sociais. "A folga é de buses, non de trens", dicía outra.