Folga no servizo de axuda ao fogar e multas a empresas por incumprir o convenio

Concentración onte de traballadoras do SAF en Ourense convocada pola CIG onte. (Foto: CIG)
A CIG ten convocada desde esta cuarta feira unha folga indefinida das traballadoras do Servizo de Axuda ao Fogar (SAF) como protesta fronte ao preacordo de convenio colectivo asinado por UXT e Comisións Obreiras coa patronal que, segundo a CIG, “consolida a precariedade do sector”. Ante esta situación, Nós Diario conversa con traballadoras do SAF para coñecer as súas condicións laborais e as súas demandas.
 

A CIG cifrou en 80% a participación da primeira xornada da folga a pesar de estar decretados os servizos mínimos do 100% na maioría dos concellos. 

Con respecto á folga, María Pasín, traballadora do SAF na área de Santiago de Compostela, explica a este xornal que a principal razón de secundala é que “a asistencia a domicilio está moi degradada” e que “non se está a valorar o noso traballo”. “As axudas técnicas nos fogares non son as mesmas que nun hospital, nunha residencia ou nun centro de día”, explica Pasín, “os baños non sempre están adaptados nin dispoñemos de materiais” como guindastres para persoas maiores. Isto provoca que “enfermemos das costas ou das articulacións”.

Pola súa parte, Ramona Penedo, traballadora do SAF no concello de Teo, engade que “estamos totalmente abandonadas”. “Vivimos unha precariedade total que chega desde moitas partes diferentes”. Así, sinala que “este é un sector moi feminizado e non se teñen en conta as conciliacións familiares mínimas”. Ademais critica que “as empresas só pagan os soldos, nós temos que pór o coche e o teléfono”. Neste sentido, Pasín explica que, no caso de Compostela, onde existe unha rede moi grande de traballadoras, “temos que movernos por todo o concello ao longo do día e todos os días do ano, e iso son moitos quilómetros e cartos”.

A pesar da suba do prezo do combustíbel, as empresas só pagan as traballadoras do SAF 0,18 euros por quilómetro, o recollido no convenio vixente desde 2011. Agora, no preacordo que critica a CIG, negociouse unha suba a 0,22 euros que consideran insuficiente. “Son cartos que pagamos do noso peto”, indica Marisé Novo, traballadora do SAF no concello de Ames. Novo explica a Nós Diario que o problema deste preacordo é que só trata as cuestións económicas e que contempla subas salariais “irrisorias” até 2026.

A este respecto, a CIG denuncia que “a patronal non só pretende consolidar esta precariedade ao non garantir o mantemento do poder adquisitivo cunhas subas salariais acordes ao IPC, senón que incluso busca crear unha dobre escala salarial con dúas táboas diferenciadas en función de cando se liciten os contratos”. Segundo a CIG, isto provocaría que ás traballadoras dun concello no que non se vai convocar o novo concurso até dentro de dous anos "aplicaríaselles unha suba salarial de 1% en 2023 e 2024", mentres que as traballadoras do concello "que licite este ano, van ter incrementos de 3,15%" neste mesmo período. “Unha terá unha suba de 2% e a outra de 6,30%”, explican.

Ademais, Penedo, Pasín e Novo aseguran que aínda non cobraron o incremento salarial de 6,5% de xaneiro. “Moitas empresas subiron só 3,1%”, explica Penedo, quen critica que “este preacordo vainos empobrecer máis”. Isto súmase a que a maior parte das traballadoras do SAF teñen contratos a tempo parcial. Neste sentido, Penedo denuncia que “soben e baixan as xornadas dos contratos parciais como quere [a patronal]”.

De feito, onte o DOG publicou unha sanción a unha empresa pontevedresa por incumprir diferentes artigos do convenio de axuda a domicilio.

Reducir desprazamentos

Outra das cuestións que se reivindican na folga é a necesidade de concentrar as traballadoras por zonas para reducir o tempo no desprazamento. “Cruzamos os concellos de punta a punta, sobre todo no rural”, sostén Penedo. Pasín indica que “temos os domicilios moi afastados os uns dos outros e temos moi pouco tempo para desprazarnos”, polo que engade que “sufrimos as consecuencias como traballadoras do SAF, pero as persoas maiores que atendemos son danos colaterais do problema”.

Desde o sector piden máis recursos e que eses recursos resulten efectivos, así como unha maior dignificación do servizo de atención nos domicilios. “Non traballamos con máquinas, senón con seres humanos” di Pasín, “facemos máis que darlles de comer, somos axudantes, psicólogas e tamén somos familia destas persoas”.