Ramón Veras

“Non se pode traballar en Atención Primaria nas condicións en que o facemos”

Médico de familia que desenvolve o seu traballo no centro de saúde de San Xosé, A Coruña, Veras Castro é un dos portavoces da Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS), impulsora da folga na Atención Primaria da Galiza convocada para esta cuarta feira, 19 de xuño. "A folga en Atención Primaria responde a unha necesidade sentida polas profesionais. Vainos a nosa vida profesional nisto e tamén conseguir o mellor para os pacientes", denuncia.

Agardades unha resposta importante á convocatoria de folga en Atención Primaria?

Pensamos que vai haber un seguimento importante. Non sei se a manifestación en Compostela mais o paro creo que si vai ser importante. Esta convocatoria é unha necesidade sentida polos profesionais.

A deterioración da Atención Primaria nestes anos e a falla de diálogo por parte da Xunta son os dous argumentos principais que poñedes sobre a mesa para convocar folga...

Nos últimos anos houbo recortes, algo que afectou a todos os servizos públicos. Na Sanidade tamén, e os recortes afectaron diversos servizos, mais nomeadamente en Atención Primaria. Aquí o financiamento empeorou sensibelmente e non se contratou xente, non se cubrían as prazas das que se xubilaban, amortizábanse. E aumentou o número de pacientes a atender.

A isto hai que engadir outra cuestión, xa non relacionada cos recortes senón coa organización asistencial sanitaria. Aparecen as Xerencias Únicas e desaparecen as de xestión propia de Atención Primaria. Iso condicionounos enormemente, provocou un cambio no que é a formas de atender os pacientes. Implicou un aumento que notamos cada día máis de carga de traballo. E iso repercute na atención sanitaria que prestas. E iso é así pola organización sanitaria que hai.

Facedes fincapé na falla de diálogo da administración para coas profesionais...

Totalmente. A Consellaría de Sanidade o único que fixo foi buscar amigos que lle dixesen que as cousas non estaban tan mal. Nas comisións que montou non hai xente que lle resulte crítica. Mentres puideron, utilizáronnos. Pero xa abonda. A nosa idea é continuar até que se lle dea unha solución real á Atención Primaria. Vainos a nosa vida profesional nisto e no mellor para os pacientes. Non se pode traballar nas condicións en que o facemos.

E cal serían as medidas para esa solución real?

Primeiro, unha estrutura de xestión da Atención Primaria propia, que se encargase de toda a xestión do persoal: enfermaría, persoal sanitario, médicos...É necesario que isto exista. De habela, certo que repasaría todos os procedementos de organización para ver de melloralos, polo beneficio do paciente e do propio sistema sanitario. Até agora o único que se fai é que nalgún sitio se decide que o médico de familia apande con todo e xa está.

É necesario máis persoal, esa é outra cuestión chave. Hai que facer atractiva a contratación de xente nova, ou vai á privada ou marcha fóra. Non pode ser que os MIR que esteamos formando acaben na privada ou fóra. Os contratos de estabilidade que sacou a Xunta non son aceptados polos médicos mozos aos que en teoría van destinados. Sempre se fala de que non hai médicos mais ti fas unha oposición para cen prazas e preséntanse oitocentos.

A Xunta deféndese dicindo que a sanidade galega terá as súas eivas e dificultades mais que peor están en moitos territorios do Estado.

É unha decencia argumentar iso. A súa responsabilidade como goberno galego é que a sanidade galega dea unha xestión acaída á cidadanía da Galiza. Non pode escudarse mirando a onde estean peor. Por que non miramos Australia, Suecia ou Inglaterra? Alí están falando de ter media hora para atender cada paciente cando aquí estamos batallando por ter dez minutos e desde a administración chámannos ilusos.