O seguimento da folga de Atención Primaria en Vigo supera 90%

O Segas rebaixa o dato a 36%. O 19 de xuño hai convocada unha greve a nivel galego.

As dúas xornadas de folga en Atención Primaria na área de Vigo tiveron un amplo seguimento, por riba de 90%, segundo o comité convocante. En pediatras chegou a ser de 97%. Porén, desde o Sergas minimizan o impacto destes paros e afirman que o seguimento foi de 36%.

 

As reivindicacións son a que este sector leva facendo desde hai meses, demandando a fin da precarización, máis persoal e medios e solucións á problemática dun servizo saturado e onde as facultativos e facultativos apenas dispoñen de tempo para atender as pacientes. Unha sobrecarga asistencial que prexudica non só os propios facultativos mais tamén as persoas usuarias deste servizo. O lema Pola dignidade da atención primaria resume esas demandas. 

 

As e os médicos de atención primaria propoñen unha folga en todas as áreas sanitarias da Galiza o vindeiro 19 de xuño. Un paro, indican, “con puntos reivindicativos comúns e logo específicos de cada área”. Será, pois, unha folga “de toda Galiza de licenciados sanitarios pero co respaldo de cada área”.