O incendio que ameaza vivendas na Paradanta xa arrasou 50 hectáreas

Brigadistas desprazándose este sábado ao incendio de Arbo, na Paradanta (Foto: BrifLaza)
O incendio forestal activo na localidade de Arbo (A Paradanta) que obrigou a activar a situación 2 de alerta por proximidade do fogo a un núcleo de vivendas da parroquia das Searas xa leva arrasadas 50 hectáreas. Un novo fogo afectou unha vivenda en Tui.

O incendio forestal activo na localidade de Arbo (A Paradanta) que obrigou a activar a situación 2 de alerta por proximidade do fogo a un núcleo de vivendas da parroquia das Searas xa leva arrasadas 50 hectáreas.

O fogo, iniciado ás 3.17 horas deste sábado na parroquia de Mourentán, calcinou polo momento 50 hectáreas, segundo as novas estimacións da Consellaría do Medio Rural ás 14 horas. O incendio avanza dunha forma preocupante, pois a media mañá, as estimacións indicaban afectación a un total de 11 hectáreas.

No lugar traballan nestes momentos dous axentes, 14 brigadas, 10 motobombas, unha pa, dous avións e tres helicópteros. Tamén se solicitou a colaboración da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Segundo declarou esta mañá o alcalde do municipio, Horacio Gil, as condicións meteorolóxicas nestes momentos son "moi adversas" con "moito vento e altas temperaturas", o que fai temer que as consecuencias do incendio adquiran maior gravidade.

Ademais, sinalou que están a aparecer focos en distintos puntos "seguramente polo efecto do vento". Así mesmo, o rexedor confirmou que polo momento non foi necesario evacuar aos veciños da parroquia das Searas, onde o fogo se atopa máis próximo.

Afectación doutra vivenda por un fogo

Un incendio nunha vivenda da localidade de Tui (Baixo Miño) calcinou parte da cociña dun domicilio situado no lugar de Corbaceiras, na parroquia de Areas.

Segundo trasladou o 112 Galiza, o lume, que se iniciou sobre as 10.15 horas deste sábado, provocou que ardese o mobiliario da estancia e o fume afectou o resto da vivenda, sen que ningunha persoa resultase ferida.

Foron os Bombeiros do Porriño os que avisaron ao 112 Galiza deste incendio e, posteriormente, desde a central de emerxencias mobilizaron até o punto á Policía Local, a Protección Civil e, por prevención, aos servizos sanitarios.