A Fiscalía de Pontevedra abre dilixencias para investigar Ence

Planta de Ence en Pontevedra (Foto: Nós Diario).
A Fiscalía de Pontevedra vén de abrir dilixencias de investigación penal após as declaracións de Ignacio Colmenares, presidente de Ence, en que advertía dun posíbel accidente na planta de Lourizán (Pontevedra).

A Fiscalía de Pontevedra vén de abrir dilixencias de investigación penal após "ter coñecemento das declaracións efectuadas polo presidente de Ence, empresa situada en Pontevedra, sobre o risco ambiental con posíbel afectación a persoas", informa a Fiscalía da Galiza nun comunicado enviado aos medios de comunicación.

Decidiu tamén remitir oficios á Unidade da Garda Civil do Seprona e a varias delegacións da Xunta da Galiza solicitando informes sobre a planta de Lourizán.

O anuncio chega o día despois de que a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) presentara unha denuncia no Xulgado de Instrución de Garda de Pontevedra contra Ignacio Colmenares, presidente da empresa, polas súas recentes palabras sobre a situación de perigo das instalacións da fábrica.

Esta mesma semana, o Concello de Pontevedra exixiu á Xunta da Galiza e ao Goberno estatal que verifiquen a seguridade en Ence. "Desde o Concello temos claro que a coa tranquilidade e co sono das pontevedresas e dos pontevedreses non vai xogar nin Ence nin ninguén", asegurou a pasada segunda feira a portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías.

Gulías cualificou a peza audiovisual de "moi preocupante e case escandalosa". Tras coñecerse o vídeo, o Goberno municipal, encabezado por Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que no marco das súas competencias, fará un requirimento formal á empresa "para que aclare esa situación de inseguridade que o propio presidente da pasteira comenta no vídeo".

Ence di que a gravación é "ilegal"

Na fin de semana filtrouse aos medios de comunicación un vídeo en que Colmenares en que advertía dun posíbel "susto" medioambiental que podería ter lugar en Lourizán. A empresa informou de que a gravación é "ilegal" e de que as palabras do presidente de Ence están "sacadas de contexto".