O Concello de Pontevedra esixe a Xunta e Ministerio que verifiquen a seguridade de Ence

Tamén fará un requirimento formal á empresa para que aclare a situación en canto á seguridade da fábrica en Pontevedra.

 

Planta de Ence en Pontevedra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Planta de Ence en Pontevedra (Foto: Nós Diario).

"Desde o Concello temos claro que a coa tranquilidade e co sono das pontevedresas e dos pontevedreses non vai xogar nin Ence nin ninguén" aseguro una mañá desta segunda feira a portavoz do Goberno municipal de Pontevedra, Anabel Gulías, ao tempo que engadiu que "todas as formacións políticas deste Concello deberiamos ter a mesma postura de esixirlle á empresa que abandone esta política de confrontación e coacción e que aclare dunha vez por todas cal é a situación da pasteira neste momento".

Anabel Gulías referiuse así ao vídeo que se difundiu na fin de semana no que o presidente da pasteira alertaba dun posíbel problema de seguridade na fábrica de Ence en Pontevedra se non se facía un investimento de 200 millóns de euros.

Un vídeo que a portavoz do Goberno cualificou de "moi preocupante e case escandaloso". Tras coñecerse o vídeo, Anabel Gulías anunciou que o goberno municipal, no marco das súas competencias, fará un requirimento formal á empresa "para que aclare esa situación de inseguridade que o propio presidente da pasteira comenta no vídeo".

Ademais notificará de oficio á Xunta e ao propio Ministerio para que verifiquen a situación e controlen a seguridade da fábrica. "Necesitamos saber e precisamos ter a certeza e a seguridade de que 84.000 veciños e veciñas de Pontevedra viven nun entorno seguro" insistiu.

Tamén indicou que a difusión das declaracións do vídeo responden "a unha traxectoria e a unha liña de acción baseada en chantaxes, coaccións e ameazas, incluso para os propios traballadores" e que "dá a sensación de que para Ence todo vale".

Por último e a teor do contido do vídeo conluíu que "unha de dúas: ou temos ao lado da casa un susto maiúsculo que afectaría ás persoas e que nos parece inadmisible, ou esto é un paso máis nesa estratexia de coaccións, mentiras e ameazas para saltarse a lei, para saltarse os intereses públicos e para seguir actuando con privilexios que son doutra época".

Comentarios