A Fiscalía pide dous anos de prisión para os propietarios da mina de Touro-O Pino
A Fiscalía vén de notificar a Ecoloxistas en Acción que vai solicitar a imposición de penas de dous anos de cárcere e inhabilitación especial para o exercicio de calquera actividade relacionada con actividades mineiras e extractivas aos propietarios e administradores da mina de Touro-O Pino por presuntos delitos contra o medio ambiente.
Segundo informa a entidade ecoloxista nun comunicado, os delitos que está a considerar a Fiscalía consisten en verteduras con altas concentracións de metais pesados realizadas desde a explotación mineira. Neste sentido, o Ministerio Público tamén demanda a imposición de multas por valor 47.000 euros, ao entender que a póliza de seguros da mina só cubre a responsabilidade civil por contaminación súbita e accidental e non por actividades ilegais.
A solicitude da Fiscalía para Explotaciones Gallegas, propietaria dos terreos onde se localiza a mina máis de 80% de Cobre San Rafael, empresa que promove a reapertura do xacemento, prodúcese logo de seis anos de instrución por parte do Xulgado de Arzúa e como paso previo á apertura de xuízo oral. Así, lembra a organización, ao longo da investigación, iniciada tras unha denuncia de Ecoloxistas en Acción polas verteduras da mina ao río Barral, tributario indirecto do río Ulla, "acumuláronse probas contra a mineira de Touro, incluíndo numerosos informes e atestados da policía xudicial e ditames periciais. Isto levou á Fiscalía a concluír que os acusados non tomaron ningunha medida correctora que evitara os lixiviados de extrema acidez e altos contidos en metais pesados ".
Desde Ecoloxistas, personada na causa penal como acusación popular ambiental, denuncian que a contaminación desde a mina de Touro é continua, sen que as "numerosas sancións" impostas desde Augas da Galiza, "sempre de contías mínimas", tivesen efecto algún. "A solicitude de penas de cárcere por parte da Fiscalía evidencia a gravidade e intencionalidade da contaminación causada pola mineira e dá unha idea da catástrofe ambiental que suporía confiar a unha empresa con estes antecedentes un novo proxecto de magnitudes xigantescas", afirma Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.
Proxecto estratéxico
Pola súa parte, a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non solicitará á Xunta que retire a condición de "proxecto industrial estratéxico" á mina de Touro, distinción concedida a comezos do ano pasado que permite unha tramitación acelerada, e que arquive o procedemento de aprobación do novo proxecto, ao constatarse "a incapacidade técnica e neglixencia da empresa promotora". De feito, Ecoloxistas en Acción xa recorreu ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza esta decisión de proxecto estratéxico da Xunta.
"Non é posíbel confiar o futuro de todo o sistema fluvial do Ulla, da ría de Arousa, do Camiño de Santiago e dunha comarca recoñecida internacionalmente polos seus produtos agrogandeiros de alta calidade nunha empresa á que está a piques de abrírselle xuízo por delitos ambientais e en directivos para os que a Fiscalía pide penas de cárcere", advirte Isabel García, voceira da plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non.
Así, desde Ecoloxistas en Acción e a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non esperan que "a Xunta rectifique e atenda os milleiros de alegacións e informes técnicos presentados en xaneiro deste ano e que mostran que a reapertura da mina sería un desastre ecolóxico".

