Cobre San Rafael diríxese á Valedora do Pobo para intentar impedir o acceso do SLG á información da mina de Touro-O Pino

No seu escrito, a empresa Cobre San Rafael interpela á Valedora para cualificar de "abusivo" o exercicio deste dereito de acceso por parte do SLG, fiando un argumento baseado en cuestionar o traballo en rede das organizacións sociais.

Fernado Díaz Riopa, director de proxecto de Cobre San Rafael, e Alberto Lavandeira, director de Atalaya Mining, en Compostela (Foto: R. S.).
Fernado Díaz Riopa, director de proxecto de Cobre San Rafael, e Alberto Lavandeira, director de Atalaya Mining, en Compostela (Foto: R. S.).

O Sindicato Labrego Galego (SLG) foi notificado a pasada quinta feira de que Cobre San Rafael formulou unha reclamación ante a Valedora do Pobo en contra da aprobación parcial de acceso á información relativa ao expediente de declaración como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) do Proxecto Cobre San Rafael dentro da Concesión de Explotación San Rafael, emitido finalmente pola Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético o pasado mes de decembro a solicitude da organización, malia ás múltiples alegacións de oposición interpostas pola empresa.

No seu escrito, a empresa Cobre San Rafael interpela á Valedora para cualificar de “abusivo” o exercicio deste dereito de acceso por parte do SLG, fiando un argumento baseado en cuestionar o traballo en rede co que as organizacións sociais “tentamos obter os mellores resultados posíbeis cos escasos recursos loxísticos e económicos que temos”.

“Estamos ante unha empresa que pretende campar ás súas anchas, tanto que non está disposta a permitir que a Administración pública faga nin unha mínima acción que poida prexudicar seus intereses, nin sequera algo tan básico como respectar a lexislación de acceso á información pública”, explicou a responsábel da loita contra o acaparamento de terras no SLG, Margarida Prieto Ledo.

“Abusivo é que persoas vinculadas á empresa lle vaian polas casas ás persoas maiores a presionar para que vendan as terras, ou que a Xunta da Galiza mande cartas á veciñanza para que vaia revisar a lista de expropiacións do proxecto, cando nin sequera foi aprobado”, continuou.

No seu escrito, Cobre San Rafael preséntase ante a Valedora do Pobo como vítima dunha “actuación coordinada e en bloque” de distintos colectivos sociais, apuntando a existencia dunha “estratexia coordinada de oposición ao proxecto mineiro” que tamén é extensíbel a “entorpecer a normal tramitación e desenvolvemento de proxectos mineiros”.

A compañía lamenta que “esas espurias intencións chegan ao extremo de materializarse a través da interposición de denuncias penais (...) afectando incluso a profesionais como directores facultativos e outros enxeñeiros e a funcionarios e cargos públicos”.

“É canto menos fondamente desagradábel que, nun país que leva máis dun lustro de modificación lexislativa para precisamente facilitar o espolio de recursos naturais, obviando o partido no goberno a consciente e grave preocupación social existente ao respecto e manifestada nun sen fin de mobilizacións, unha empresa inmersa en varios procedementos xudiciais se dirixa nestes termos á Valedora do Pobo”, valorou Prieto Ledo.

“Así funciona a democracia e o dereito das organizacións a defender as demandas da cidadanía. É certo que esta democracia pode debilitarse limitando os nosos dereitos a través de sucesivas leis de depredación, como vimos padecendo na Galiza co Partido Popular, mais precisamente porque loitamos por algo tan esencial como é que o benestar das persoas prevaleza sobre o lucro privado, seguiremos até o final con total determinación”, concluíu a coordinadora da loita contra o acaparamento de terras no SLG.

Comentarios