Xustiza

A Fiscalía pide entre 22 e 27 anos de prisión para os cinco acusados do asasinato de Samuel Luiz

Varias persoas depositando flores no lugar onde Samuel Luiz foi asasinado, o pasado 3 de xullo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Catro homes e unha muller están acusados dun delito de asasinato con aleivosía e asañamento como "coautores" da brutal malleira que provocou a morte do mozo de 24 anos na Coruña en 2021.

A Fiscalía Provincial da Coruña, a través da Sección de Delitos de Odio e Discriminación, pide entre 22 e 27 anos de cárcere por un delito de asasinato con aleivosía e asañamento aos cinco acusados polo crime de Samuel Luiz, o mozo de 24 anos que foi asasinado na Coruña na madrugada do 3 de xullo de 2021 tras recibir unha malleira no paseo marítimo da cidade, á saída dun local de lecer nocturno.

Segundo vén de informar a Fiscalía Superior da Galiza, o escrito de cualificación sinala que os cinco acusados son coautores dun delito de asasinato por aleivosía e asañamento. A un deles atribúeselle tamén dun delito de roubo con violencia por apropiarse do teléfono móbil de Samuel.

Ante estos feitos, a Fiscalía solicita para dous deles 25 anos de prisión, a pena máxima, polo delito de asasinato, "ao concorrer a circunstancia agravante de discriminación en relación á orientación sexual da vítima", e 22 para os outros tres. E pide a maiores cinco anos de prisión polo delito de roubo con violencia para o quinto acusado que quedou co móbil.

A causa mantense á espera de xuízo con estas cinco persoas acusadas dos feitos, catro homes e unha muller, esta última parella dun deles cando se produciu o suceso. Tres están en prisión preventiva, unha medida que se prorrogou ao facer os dous anos, e outros dous, un home e a muller, en liberdade con obriga de comparecencias no xulgado.

Os mozos foron detidos no marco dunha investigación policial que non descartou, durante o desenvolvemento da mesma, ningunha hipótese sobre o motivo do sucedido, como unha agresión homófoba, constatando que houbo insultos desta índole durante a malleira que lle ocasionou a morte ao mozo.

Remitíndose aos resultados da autopsia, a Policía Nacional sostivo que Samuel Luiz "morreu por un fallo multiorgánico" como resultado de "moitísimos golpes", sen uso de armas, e descartando que falecese "por unha navallada".