028, o novo teléfono de atención a casos de LGBTIfobia

O 028 asistirá as persoas vítimas de delitos de odio contra a comunidade LGBTI. (Foto: Nós Diario)
O servizo de asistencia telefónica 028 Arco da Vella entra esta segunda feira en funcionamento. É totalmente gratuíto e confidencial.

O servizo telefónico 028 Arco da Vella de información, asesoramento xurídico e atención psicosocial inmediata e especializada fronte a todas as formas de violencia por casos de LGTBIfobia entra en funcionamento esta segunda feira, 3 de outubro. A iniciativa nace dun convenio de colaboración asinado entre o Ministerio de Igualdade e a Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade.

Este servizo é gratis e está dirixido, en concreto, ás vítimas de delitos de odio ou de discriminación por LGTBIfobia, así como para informar e atender calquera necesidade das persoas LGTBI, as súas familias e persoas próximas. Ademais do número de teléfono abreviado, poranse ao dispor da cidadanía dúas direccións de correo electrónico para demandar axuda nestes casos: 028-online@igualdad.gob.es e sevizo028arcodavella@xunta.gal.

O 028 é confidencial e atenderá, por tanto, chamadas de información e sobre atención integral —solicitude de axuda tras un ataque ou peticións de información relacionadas con delitos de odio, entre outras cuestións—. O 028 atenderá situacións de urxencia e emerxencia, derivado de forma inmediata a chamada ao teléfono de emerxencias 112 da Galiza.

58 agresións en 2022

O servizo da asociación ALAS A Coruña rexistrou en 2022 un total de 330 intervencións relacionadas con 220 casos novos. De todos os incidentes rexistrados, 68 foron catalogados como episodios de odio, "dos cales 58 son consideradas agresións directas contra a comunidade LGBTI: verbais, físico-verbais, acoso e agresións sexuais".

Mais non todos os casos chegan a mans das autoridades. "As denuncias dunha situación de violencia non chegan a 10%", dicía recentemente Carme Adán, coordinadora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, partindo das conclusións extraídas do informe Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade na Galiza.

Entre o 86% e o 92% das agresións físicas non se denuncian, precisa o citado documento. "As vítimas non se senten acompañadas nin protexidas polos operadores xurídicos nin polas forzas de seguridade", polo que propón unha estratexia global de formación e acompañamento.