O asasinato de Samuel Luiz fai dous anos sen xuízo á vista

Minuto de silencio na vixilia a Samuel Luiz esta segunda feira na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O colectivo LGBT+ reclama xustiza "nas rúas e nos xulgados"

Onte fixéronse dous anos da morte de Samuel Luiz, o mozo de 24 anos que foi asasinado na Coruña na madrugada do 3 de xullo de 2021 após recibir unha brutal malleira no paseo marítimo, á saída dun local de lecer, nun crime que foi denunciado como homófobo.

Con motivo do segundo cabodano da súa morte, a Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (Alas) A Coruña –que ademais exerce a acusación popular no xuízo contra o asasinato– realizou onte unha "vixilia homenaxe" no propio lugar onde se produciron os feitos cunha ofrenda floral, un minuto de silencio e "algunha peza musical". Un evento co que o colectivo quixo "celebrar a memoria e vida" de Samuel Luiz, mais tamén reivindicar que "se faga xustiza nas rúas e no xulgado".

A LGTBIfobia existe

Denuncia a propia asociación que ás persoas do colectivo LGBT+ ségueselles insultando, ségueselles pegando, ségueselles matando, motivo polo cal aproveitaron a vixilia para reclamar "a implicación das institucións". " Isto é un tema de 365 días ao ano, hai que implantar políticas públicas que xeren espazos seguros para a nosa comunidade ao longo de todo o ano", afirman desde Alas.

Dous anos despois, o caso continúa á espera de xuízo con cinco persoas acusadas dos feitos, catro homes e unha muller. Tres están en prisión preventiva, unha medida que se prorrogou ao facer os dous anos, e outros dous, un home e a muller, fican en liberdade, coa obriga de realizar comparecencias no xulgado. 

Tanto a Fiscalía como as acusacións consideran os feitos como constitutivos dun delito de asasinato. A un dos acusados, por presuntamente "roubar" o teléfono móbil de Samuel, o Ministerio Público atribúelle tamén un delito de roubo con violencia.