A plataforma contra a mina de Touro alerta da “cuestionábel tramitación” do proxecto

Activistas contra a mina de Touro este 12 de outubro en Compostela. Foto: plataforma Non á mina de Touro.
A plataforma Non á mina de Touro denuncia “a cuestionábel tramitación” oficial do proxecto. Máis de dous anos en marcha e a Xunta “non dubida en conceder continuas prórrogas á empresa para achegar ou actualizar documentación”. Ao tempo, engade, o Goberno “trata con outra vara de medir veciñanza e concellos, aos que lles esixe estrito cumprimento dos prazos”.

“A promotora do proxecto mineiro que ameaza os nosos concellos, Cobre San Rafael, parece comodamente instalada na roda da burocracia e do papeleo inútil”, critica a plataforma, “coa conivencia da Administración, dilata os prazos de entrega de documentos chave para a avaliación do proxecto”. A veciñanza da zona instala cada sábado en Santiago de Compostela, desde o pasado 21 de setembro, mesas informativas sobre o que está a acontecer.

Tamén sinalan como os promotores da mina presentan documentación “extensísima e farragosa que fai perder o fío da exposición” ou solicita “actualizacións” que maquillan a realidade mais non muda o fondo: “Xogos de prestidixitador aplicados á redacción de proxectos mineiros”.

Veciñanza, técnicos, entidades ecoloxistas e diferentes asociacións levan anos a denunciar “as eivas e os impactos” da mina. “A empresa non foi quen de responder con xeito”, di, “a dúbidas e demandas”. Segundo Non á mina de Touro, a compañía “non ten intención de de acehagr luz, só de marear a perdiz”. E fai memoria para rescatar unhas palabras do conselleiro de Economía, quen dixo que o proxecto “tal e como está é inviábel”. “Pois segue a ser esencialmente o meso”, engade a plataforma.

A asociación asegura que a sensación de que “o proxecto é inviábel”. “Está en risco a nosa forma de vida e a nosa dignidade”, afirma e avisa de que continuarán as mobilizacións e protestas e reclama o dereito da cidadanía a “unha Administración eficaz e imparcial” e a denegación da autorización ambiental ao proxecto.